Adiada a folga de entrega de leite convocada por Agromuralla

O colectivo de gandeiros anuncia que agardará a ter unha reunión con outras organizacións a nivel estatal. Deste paro desmarcáranse UUAA e o Sindicato Labrego Galego. 

Manifestación de Agromuralla en 2015 (Agromuralla)
photo_camera Manifestación de Agromuralla en 2015 (Agromuralla)

Para esta cuarta feira, o colectivo de gandeiras e gandeiros Agromuralla tiña convocada unha folga de entrega de leite en protesta polas condicións do sector.

O paro foi desconvocado e aprazado, segundo explica o presidente desta organización, José Luís Pérez, até contar cun maior apoio a nivel estatal.

A proposta inicial desta medida de presión implicaba a folga indefinida e non contou, de inicio, co apoio doutras organizacións como o Sindicato Labrego Galego (SLG) ou Unións Agrarias (UUAA).

Desde Agromuralla sinalan que agardan manter unha xuntanza,  previsibelmente o 20 de decembro en Valladolid, con gandeiras e gandeiros de diferentes partes do Estado español para acordar esa folga de entregas, xa que "non ten moito sentido" facela en solitario.

Demandan unha suba de 41 céntimos por litro

 A intención desta folga de entregas implicaba que non circularan camións de leite polas estradas. A petición deste colectivo é que se aplique unha suba no prezo do leite que se paga a gandeiros até chegar aos 41 céntimos por litro.

Por este motivo xa realizaron o pasado 4 de novembro unha mobilización en Lugo na que arrodearon a muralla da cidade.

Daquela, o seu presidente sinalara que o sector está nunha “situación límite” por ofrecer “un produto de calidade que non vai acorde ao que se paga” polo que exixían un aumento “para que saian as contas”.

Comentarios