martes 26/10/21
Efectos da pandemia

Adeus ao 20% da hostalaría da Galiza nun só ano

A Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein) realizou un estudo atendendo aos baixos que quedaron libres nas grandes cidades galegas, tres das cales estaban entre as catro localidades con máis bares por habitante do Estado español até hai poucos anos, tal e como sinalaba o propio sector. O fechamento deixa un mercado do alugueiro de baixos comerciais tocado, mais o resultado no desemprego é abafante tendo en conta que -xunto co comercio polo miúdo- este é o sector que máis postos de traballo mantén (ou mantiña).

Mobiliario da terraza recollido nun bar de Ourense após fechar á 1 da madrugada. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Mobiliario da terraza recollido nun bar de Ourense após fechar á 1 da madrugada. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

A hostalaría pasa por un mal momento. Nin a reapertura dos negocios, nin a ampliación dos horarios, nin as axudas nin tan sequera a ansia das e dos galegos por acudir a consumir -tal e como revelou un estudo- serviron para manter en pé todo o sector. A Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), que ten acceso ao mercado de baixos comerciais que quedaron libres no último ano afirma que fecharon o 18% dos estabelecementos.

É un dato real pero quizais non completo porque atende ás propiedades que volveron a saír ao mercado e non se contan aquelas nas que era un ben inmoble que non se puxo en venda nin en alugueiro.

En calquera caso, para un país no que tres das súas sete grandes cidades estaban entre os catro municipios con máis bares e restaurantes por habitante, a cifra é moi elevada.

Xa non só desde un punto de vista da circulación da economía ao pagar as rendas, senón falando de empresas de distribución de alimentos e bebidas e de postos de traballo directos e indirectos.

Cando o Instituto Galego das Cualificacións aínda facía estudos de forma temporal e tiña unha maior actividade pública sempre revelaba que, xunto co comercio polo miúdo, á hostalaría era dos sectores que máis postos de traballo creaba. As circunstancias non cambiaron nos últimos anos, tal e como teñen destacado as asociacións do gremio, polo que o número de persoas paradas vinculadas a ao ámbito dos servizos aumentou.

Novas propostas para ter o favor da consumidora

No que afecta directamente ao mercado inmobiliario, a patronal indica que entre febreiro de 2020 e febreiro de 2021 desapareceron de maneira definitiva "o 18% dos bares, cafetarías, taperías e restaurantes" do país. En consecuencia hai máis oferta no circuíto de comercialización e "haberá restaurantes, cafetarías e bares que serán difíciles" de colocar "polo sobredimensionamento do sector nos últimos anos".

No informe fan fincapé en que o gasto medio dos galegos nestes servizos é de 928 euros ao ano, "cun descenso ponderado nos últimos doce meses de aproximadamente un 58%", polo que presúmese que a recuperación non vai ser total unha vez pase a crise sanitaria e a recesión económica derivada.

Para o presidente de Fegein, Benito Iglesias, é posíbel que a Covid-19 pinchara "a burbulla dos negocios de hostalaría na Galiza. Non pararan de crecer nas dúas últimas décadas co dato antagónico de ter unha poboación que disminúe". Ante a inestabilidade laboral que prevé no sector, apunta á necesidade da "reinvención" para ter o favor das e dos consumidores.

comentarios