Acusan a Xunta de carecer de “vontade política” para defender o sector do mar de Galiza

Non convencen á PDRA as alegacións da Consellería do Mar ao RD impulsado polo goberno español e que invade competencias autonómicas.

Mariñeiro en plena faena. Foto: Greenpeace

O borrador de Real Decreto de ordenación do espazo marítimo impulsado polo goberno español continúa a centrar parte das preocupacións do sector do mar galego, que xa presentou alegacións ao mesmo pedindo a súa retirada. Nunha comparecencia en Carril, representantes dos diferentes sectores enmarcados na Plataforma en defensa da Ría de Arousa (PDRA), lamentaban que a Consellería non fixese públicas todas as alegacións que presentou a ese borrador. Teñen fresco na mamoria, como lembrou o patrón maior de Rianxo, outras ocasións en que as alegacións da Consellería ocultaron un desleixo na defensa dos sectores galegos. Referíase á loita do sector do xeito.

Desde a PDRA consideran que o feito de que, segundo o desvelado polo departamento dirixido por Rosa Quintana, as alegacións só falen das competencias quer dicir que a Consellería “di si a todo o resto”. Ou sexa, explican desde a Plataforma, que a Xunta estaría de acordo en que o sector non poida participar nos plans de ordenación que lle afectan, ou ben que está der acordo en “impulsar un modelo de ordenación que vai priorizar as iniciativas do sector da piscicultura industrial, da minería, da enerxía, do petróleo e o gas”.

Estes sectores consideran que a Xunta non ten “vontade política” de pular porque se declre de “interese xeral” as súas actividades, pois ese interese xeral resérvao aos intereses de multinacionais e grandes empresas.

Houbo críticas á inactividade da Xunta en cuestións como a loita contra a fraude de que se comercialice como galego mexillón que non é, ou no saneamento das rías e rexeneración dos bancos marisqueiros. Críticas que tamén se referiron a que a Consellería do Mar se centra en “gastar cartos públicos en plena campaña electoral para intentar comprar á xente; legal non sabemos si o é, pero desde logo é a “ética do caciquismo”.

“Regalo envelenado”

O sector mexilloeiro, ademais, cualificou de “regalo envelenado” as axudas de 30 millóns de euros que a Xunta anunciou, cofinanciadas coa UE, para a ampliación de bateas, pois afirma que esta medida vén da man “co marco xurídico de desproteción” do sectir para psibilitar que “as multinacionais vaian comprando concesións, xa co tamaño acaído para instalar a piscicultura multitrófica”. “DE que nos val que nos aumenten a superficie das bateas se non protexe a nosa actividade?”, preguntaron. 

Comentarios