Acusan o Executivo estatal de “protexer os intereses” de Audasa e regalarlle 1.200 millóns de euros en compensacións

O 23 de xaneiro remata o prazo que a Comisión Europea fixou ao Estado español para facer as súas alegacións sobre as prórrogas ilegais a Audasa pola concesión da AP-9, porén, aínda non se produciu ningún paso para "rectificar as ilegalidades".
A ponte de Rande, integrada na autoestrada AP-9, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
photo_camera A ponte de Rande, integrada na autoestrada AP-9, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

En Colectivo, a asociación de consumidores que levou perante a Comisión Europea as prórrogas da concesión da autoestrada AP-9 que se brindaron a Audasa, arremeteu esta quinta feira contra o Goberno que preside Pedro Sánchez, acusándoo de “obstrucionismo” na investigación aberta polas súas denuncias.

Nese sentido, incidiu en que a conduta gobernamental procura “protexer os intereses” da concesionaria, que recibe unha “compensación desmesurada” por levar a cabo as obras de ampliación da infraestrutura.

Os datos da Comisión Galega da Competencia subliñan que a cambio dunha obra que Audasa cifra en 228 millóns de euros, recibirá compensacións de 1.465 millóns de euros, un “600% de interese”, declara En Colectivo.

O seu presidente, Diego Maraña, pon o foco en que as cifras “deixan claro que o Estado está a asumir un custo incribelmente superior ao que tería de solicitar o financiamento da obra a unha entidade bancaria”.

A entidade cuestiona que despois da apertura do expediente en setembro, no que a Comisión Europea ratifica que o Estado español “incumpriu as obrigas que lle atinxen en virtude das normas de contratación pública da UE” polas prórrogas, non se producira ningún paso para anular as prórrogas.

A última, outorgada en 2013 durante a etapa de Mariano Raxoi (Partido Popular), ampliou a concesión de 2023 a 2048.

En Colectivo tamén salienta que se está a infrinxir “o principio de colaboración entre Administracións”, e que non se están a responder os requirimentos de información.

Asemade de lamentar a “falta de transparencia”, fai un chamamento a “rectificar as ilegalidades cometidas o antes posíbel”, lembrando que o 23 de xaneiro remata o prazo que a Comisión Europea fixou ao Estado español para facer as súas alegacións.

Comentarios