Acusan Central Lechera de "boicotear" os novos contratos lácteos

A organización de produtores Ulega, que agrupa un milleiro de explotacións, aposta na negociación colectiva fronte a uns contratos que ofrecen prezos por baixo de custos
Fábrica de Larsa, firma petencente a Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa) (Foto: Larsa).
photo_camera Fábrica de Larsa, firma petencente a Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa) (Foto: Larsa).

A organización de produtores Ulega, impulsada por Unións Agrarias, denuncia que Capsa Food, o grupo asturiano que comercializa firmas como Larsa ou Central Lechera Asturiana, está a "boicotear" a negociación dos novos contratos de abastecemento do leite, que está a ter lugar nestes meses. 

Segundo explican desde Ulega, Capsa está a evitar a negociación colectiva e tentando forzar aos produtores a asinar de xeito individual contratos que "a todas luces ignoran o seu dereito a cobrar por enriba de custos de produción", tal e como recolle a Lei de Cadea Alimentaria.

"Están tentando obrigar aos gandeiros a asinar contratos ameazándoos coa non recollida do leite", denuncia o presidente da organización de produtores, José Manuel Liñares, que insta a Ministerio de Agricultura e  Xunta da Galiza a "actuar canto antes para facer cumprir a lei" cunha actuación "inmediata, contundente e exemplarizante" contra Capsa para que sete tipo de actitudes non se repitan. 

Nesta liña, Liñares insiste na necesidade de impulsar a figura do mediador público, que xa existe noutros países europeos, para dotar de maior transparencia e equilibrio as negociacións entre industrias e produtores e garantir o cumprimento estrito da lexislación vixente.

A oferta de Capsa

Segundo avanzan desde Ulega, a "oferta" de Capsa fixa un prezo base de 31,5 céntimos por litro, unha cifra que queda lonxe dos custos de produción das explotacións que, tal e como recoñecen tanto o Ministerio como a propia Xunta, roldan os 40 céntimos

Advirten tamén que os contratos non recollen referencia algunha aos custos de produción, senón van ligados á evolución das cotizacións dos derivados industriais que, se ben é certo que neste momento rexistran prezos altos, "poderían devaluarse en calquera momento, forzando aos gandeiros a entregar o leite por menos do que lles custa producilo", alertan.

"O obxectivo está claro: saben que Ulega non está de acordo co contrato que poñen enriba da mesa e por iso evitan a negociación colectiva", indica o asesor técnico da organización e responsábel do Sector Lácteo de Unións Agrarias, Óscar Pose. "E Capsa sabe que Ulega non acepta ningún tipo de chantaxe", conclúe o responsábel sindical. 

Comentarios