A actividade económica estáncase en febreiro na Galiza

O Índice da cifra de negocios na industria sofre un "retroceso destacado" de 25%.
En 30% das empresas tecnolóxicas do país non hai ningunha muller. (Foto: Kite Rin)
photo_camera O ritmo de recuperación da actividade económica sofre unha desaceleración. (Foto: Kite Rin)

O Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica da Galiza mostrou no mes de febreiro un incremento interanual de 2,2%, dúas décimas menos que o correspondente ao mes de xaneiro, segundo informou esta terza feira o Foro Económico da Galiza nun comunicado.

Ante estes datos, o Foro conclúe que o crecemento confirma a "desaceleración" do ritmo de recuperación da actividade económica no país iniciado en novembro do ano pasado.

Aliás, sinala que, con dous meses transcorridos do primeiro trimestre do ano e unha contracción total de oito décimas a respecto do valor no que finalizou o ano, pódese comprobar como "os obstáculos motivados pola falta de subministracións e a alza dos prezos nas materias primas" inciden negativamente no conxunto da economía galega.

Neste senso, detallan que o seguinte valor do indicador, correspondente ao mes de marzo, xa recollerá os efectos do "shock externo" provocado pola guerra de Ucraína e as súas consecuencias.

En relación á evolución individual das variábeis recollidas neste indicador, igual que en meses anteriores continúa o "extraordinario comportamento" das variábeis referentes ao sector turístico, con "crecementos interanuais superiores a 50%".

En sentido contrario, segundo estima o comunicado, o Índice da cifra de negocios na industria sofre un "retroceso destacado" de 25% en termos interanuais.

Mobilización contra a alza de prezos

Ante a suba xeneralizada dos prezos a CIG vén de anunciar a convocatoria de 16 mobilizacións por todo o país para o vindeiro 1 de maio, Día Internacional da Clase Traballadora, e demanda un prezo máximo do combustíbel, a revisión do salario conforme ao IPC e fixar o custo da enerxía, entre outras cuestións.

Comentarios