martes 29/09/20

Acouga canaliza as queixas da clientela de Abanca

A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios estudia a legalidade das novas comisións que comezou a cobrar Abanca a parte da súa clientela.
Protesta de clientas de Abanca polas comisións (Arxina).
Protesta de clientas de Abanca polas comisións (Arxina).

O pasado mes de xuño moitas clientas e clientes de Abanca descubriron con sorpresa que as súas contas deixaran de estar amparadas polo programa 'Cero comisións' da entidade galega, uns cambios que xa notificara o banco a comezos de ano e que deixan fóra dos beneficios asociados ao mesmo ─entre eles a exención do pago de comisións─ a persoas que non teñan domiciliada a súa nómina ou pensión.

Esta situación xerou numerosas queixas entre as usuarias e os usuarios, que mesmo chegaron a concentrarse diante das sucursais de Abanca para exixir a devolución das cantidades cobradas.

Agora, a Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga) vén de abrir unha vía de reclamacións para as numerosas clientas e clientes da entidade presidida por Juan Carlos Escotet ás que, desde o pasado 1 de xuño, se lles están cargando novas comisións.

Segundo asegura a asociación nun comunicado, trátase dun feito "inédito", e mais tendo en contra de que estamos a falar de "comisións importantes e mesmo ás veces confiscatorias, tendo en consideración os movementos e saldos das contas afectadas", apuntan desde a entidade.

A organización galega de consumidoras precisa que desde hai un mes reciben numerosas queixas por estes cargos, que poden achegarse aos 60 ou 70 euros semestrais por mantemento de conta.

Legalidade das comisións

A asesoría xurídica da asociación está a estudar a legalidade destas comisións, e xa procedeu a abrir unha vía de reclamación, en representación daquelas persoas asociadas que así o requiran ante o servizo de atención ao cliente de Abanca, como medio de solución de conflitos previo a unha posíbel reclamación xudicial ou perante o Banco de España, apuntan no comunicado.

O servizo que presta a asociación é gratuíto para as persoas asociadas, mais tamén poderá acceder a el calquera clienta ou cliente de Abanca, asinando unha folla de representación en favor de Acouga. Para iso será necesario achegar documentación que acredite os cargos por comisións, confirmando tamén todas as aboadas nos exercicios 2018, 2019 e 2020, sinalan desde a entidade.

Ademais, Acouga pon ao dispor das persoas interesadas un servizo de asistencia de segunda a sexta feira, de 10 a 14 horas, no teléfono 981113402.

comentarios