Acordo no Pazo do Hórreo para a etiqueta do mel indicar o país de orixe

Tamén se terá de consignar na etiquetaxe se o mel foi sometido a un proceso de quencemento por riba dos 45 graos. A iniciativa aprobada no Parlamento galego leva a asinatura do deputado do BNG Xose Luís Rivas Mini.

Xosé Luís Rivas 'Mini'
photo_camera Xosé Luís Rivas 'Mini'

A Comisión de Agricultura do Parlamento galego aprobou esta terza feira unha iniciativa do BNG en virtude da cal vaise instar o goberno do estado a que se adopten as medidas precisas para na etiquetaxe do mel aparecer unha indicación obrigatoria sobre o país de orixe do produto e percentaxes de mestura, no caso de proceder de diversos estados. Tamén deberá sinalarse se o produto foi submetido a un proceso de quencemento por riba dos 45 graos.

A actual lexislación non é suficientemente garantista na regulación de importación de meles e sucedáneos, na súa etiquetaxe e comercialización. Isto ten levado, explica o parlamentar do BNG, a que se teña producido unha importación masiva e a baixo prezo de mel —na súa maioría procedente de China— con menor valor nutricional e sen as debidas garantías sanitarias.

As modalidades de etiquetaxe serven, a ollos do BNG, os intereses das grandes multinacionais e operan contra os intereses de produtores e consumidores locais. 

As lagoas na lexislación permiten, por exemplo, que un tarro de mel poda lucir unha etiquetaxe da Unión Europea con levar apenas un gramo de produto feito na Galiza. Bastaría con que estivase mesturado con outros 999 gramos procedentes de países extracomunitarios.

  

Comentarios