O sector lembra que 2 barcos non son a solución para o naval galego

Feijóo vén de anunciar a construción para Pemex en Vigo e Ferrol de 2 buques floteis por importe de 300 millóns de euros. Os sindicatos recoñocen a "boa noticia" se ben relativizan o bombo dado pola Xunta ao convenio e lembran que non é a solución para o sector naval galego.

Dous buques hoteis que suporán un investimento de 300 millóns de euros e darán carga de traballo até 2014 a Navantia e dun millón e medio de horas a Barreras. Eis o acordo coa multinacional mexicana Pemex que o presidente da Xunta vén de facer público, en plena precampaña eleitoral, e cunha esceneografía con ansias de xefe de Estado. Respaldado dos dirixentes da SEPI e Barreras e cun discurso en que o presidente da Xunta entendeu que, debido á importancia da situación, tiña que ter presenza destacada o español.

O acordo asinado con Pemex recolle a construción de dous floteis (buques hotel). Desde que alá pola primavera Feijóo viñese de México anunciando o interese de Pemex polos estaleiros galegos, falárase de construir no naval galego 7 remolcadores ou mesmo 2 quimiqueiros, mais nunca de floteis. A Xunta sinalou que este acordo supón o investimento de 300 millóns de euros e de que dará emprego a centos de traballadores (mesmo se falou de perto de 3.000 contando cos das empresas auxiliares). A construción do buque hotel en Ferrol daría carga de traballo a Navantia até 2014. O que se fará en Vigo implica millón e medio de horas de traballo para Barreras, empresa que vén de saír dun concurso de acredores.

"Só a construción do dique flotante daría o dobre de traballo que a do buque hotel"

Un anuncio que o sector colle con moita cautela

Desde o encerramento indefinido que manteñen no Concello de Ferrol en demanda da construción do dique flotante, o comité de empresa de Navantia acolleu a nova do buque hotel "como boa, porque representa traballo", mais lembran que non é, "nin de lonxe", a solución definitiva para o naval ferrolán. Manuel Grandal, da CIG, afirma que só a construción do dique flotante daría o dobre de traballo que a do buque hotel. "Facer ese buque é un terceira parte da man de obra que levaría unha fragata", engadiu, para relativizar o bombo que a Xunta dá ao anuncio con Pemex.

Grandal lembrou que "perdemos 2.000 empregos" e que a solución para o naval ferrolán pasa por, a curto e medio prazo, a construción do dique flotante. Esa é a loita en que están centrados actualmente os operarios, cun peche no Concello de Ferrol e próximas mobilizacións.

O Comité de empresa de Navantia ve "moi esaxeradas" as estimacións dadas pola Xunta de emprego que ía crerar a construción destes buques

O Comité de Empresa de Navantia por boca de Ignacio Navieras (CCOO), calificou xa de "moi exaxeradas" as cifras dadas pola Xunta sobre a creación de emprego que a construción deste buque ía supoñer no estaleiro ferrolán.

Un caramelo?

Desde o naval do sur do país, Vigo, César Rodríguez coincide co seu compañeiro ferrolán. "A noticia é boa, en principio", mais non é "a solución definitiva". Rodríguez afirma que a construción do flotel suporía no momento álxido "entre 400 e 400 e pico traballadores" e que por si só este encargo non é a solución para o sector. "É un parche, un caramelo, que ademáis vén en época electoral".

Rodríguez ten claro que a solución para o naval de Vigo pasa porque sexan eses estaleiros os que poidan chegar directamente a esa contratación (e menciona a importancia do Tax Lease), alén de ter asegurado un financiamento a través de fórmulas como Pymar.

"Te lo has trabajado"

No outro extremo, oposto á cautela sindical, estaba José García Costas, vicepresidente de Barreras, que agradeceu a Feijóo o acordo que permitirá construir un buque de Pemex neste estaleiro (que estaba en concurso de acreedores): "Te lo has trabajado", espetoulle no acto de presentación do convenio ao presidente de Galiza. Alguén, retranqueiro, susurrou se lle daría propina.

Comentarios