“O acordo entre Montoro e os sindicatos estatais imposibilita recuperar o emprego público perdido e os servizos privatizados”

Falamos con Mari Carme López Santamariña, secretaria nacional de CIG-Administración e portavoz da Área Pública deste sindicato, sobre o que supón o acordo acadado entre o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas con CCOO, UXT e CSIF, tanto para empregados públicos como para a sociedade. 

María do Carme López Santamariña
photo_camera María do Carme López Santamariña

- Denunciades que o denominado ‘Acordo para a mellora do emprego público’ acadado entre Montoro e sindicatos estatais avala a destrución de emprego público..

- Para nós este acordo é de todo menos o que indica o seu propio nome, mellora de emprego público. Este acordo fai borrón e conta nova dos postos de traballo que se destruíron desde o 2010, de todas as limitacións que o estado impuxo ano tras ano para repoñer vacantes e que levaron á inviabilidade de servizos públicos esenciais.

Así pois, todo ese emprego público que se destruíu ao longo destes anos fica esquecido. E inclúen o que para nós é traspasar unha liña vermella, a taxa de reposición: non é abondo unha taxa do 50% das vacantes do ano anterior. Nós demandabamos un ‘plan de choque’ para recuperar cando menos os niveis de emprego público de 2009, recuperar os servizos públicos privatizados e ter uns cadros de persoal que permitan, por unha banda, ofrecer uns servizos de calidade á cidadanía e por outra manter unhas condicións laborais dignas. Co que asinaron CCOO, UXT e CSIF con Montoro, desde logo non se consegue isto.

O único que ten de positivo este pacto é o pequeno avanzo que supón no tema da precariedade que hai nas administracións públicas. Mais esta precariedade é a consecuencia lóxica das políticas que se aplicaron aos servizos públicos nestes anos por parte do PP, tanto no estado como en Galiza.

- O acordo, porén, indican os seus valedores, vai permitir facer fixos en Galiza a máis de 13.000 interinos e inicia un camiño de subas salariais...

- É imposíbel separar un acordo de emprego público duns orzamentos do estado, que é onde determinan as condicións económicas. Facer a proposta dunha suba dun 1% é rir dos traballadores das administracións públicas, desde o 2010 levamos perdido un 30%, non só polas baixadas salariais, que foron efectivas, xa desde aquel 5% que nos baixara o goberno de Zapatero; senón polas conxelacións salariais. E, en Galiza, afondando nesa liña co roubo do 40% das pagas extraordinarias estes anos. Co cal, a día de hoxe estamos perdendo por volta dun 30% de poder adquisitivo desde 2010, polo que falar dunha suba do 1% é de vergoña.

Ademais, neste acordo non se pon enriba da mesa a recuperación de dereitos, como o restablecemento do complemento por incapacidade temporal ou o dereito á xubilación anticipada, nin de recuperar os fondos de acción social... Para nós ese acordo é un acordo baleiro de contido, un brinde ao sol.

- Un brinde ao sol?

- O cumprimento dese acordo fica supeditado á aprobación dos orzamentos de 2017, co que se converte nun arma para negociar os orzamentos e á vez é un lavado de cara para o goberno do PP e as administracións. Sentenzas da UE obrigan o estado español e a todas as administracións, estatal, autonómica e local, a acabar coa precariedade laboral. É un escándalo que esteamos en situacións dun 30 ou 40% de eventualidade dentro dos cadros de persoal das propias administracións.

Entón, este acordo tamén supón un lavado de cara das políticas que se aplicaron até agora e que esas sentenzas da UE veñen de denunciar.

- O acordo tamén, sinalades, ten consecuencias para a sociedade, para as e os cidadáns, non só para as persoas empregadas públicas. Subliñades o feito de que supoña unha renuncia a uns servizos públicos dignos.

Para nós desde logo que si. Non se contempla recuperar o emprego público perdido nin moitos dos servizos públicos que fecharon ou ben que foron externalizados, privatizados, ou ben derivados e concertados. Co acordo imposibilítase revisar todo iso, recuperalo. Ademais, coa taxa de reposición que vai continuar este ano, mantense o camiño que se seguiu nestes anos: se se xubilan 100 persoas só se van cubrir 50, co que os outros 50 desaparecen, continuamos a destruír, pois, emprego público.

- Que pegada deixaron estes anos de crise na administración pública galega, como afectaron esas políticas de austeridade e recortes implementadas en Galiza?

- A radiografía que temos feito nós é que temos entre un 30 e un 40% de eventualidade, un 8% de desaparición de emprego real no conxunto das administracións, e cunha idade media de entre 50 e 55 anos. Aparte de todos os servizos que desapareceron, os que privatizaron, os que foron para as concertadas... como se pode ver, un panorama preocupante, desolador.

- A administración pública marcando nestes anos á privada o camiño polo que tiña que ir: eventualidade, recortes de postos de traballo...

- Nós fomos unha especie de ‘coelliños de indias’, a lanzadeira de todo ese proceso. Lembremos nos inicios desta crise as duras campañas contra os traballadores das administracións públicas, comezaron a cortarnos os dereitos como se fosemos privilexiados. Iso serviu para ir degradando e recortando aos traballadores públicos e despois xa a todos os sectores, á privada.

- Cando se presentaron os orzamentos da Xunta para 2017 tamén fostes moi críticos, impulsastes concentracións e mobilizacións...

- Son unhas contas que supoñen un continuísmo a respecto destes anos, que fan seguidismo das políticas marcadas polo estado español e afondar  na Galiza e con máis saña nas medidas impostas polo estado. Tentan vendernos a recuperación da paga extra para este 2017, mais, ollo!, na Galiza desde o 2013 débennos aos traballadores das administracións públicas galegas a nosa parte das dúas pagas extras de 2013, 2014, 2015 e 2016. E a Xunta di que con pagarnos completa a paga extra de 2017 xa está todo amañado.  

Comentarios