Acerga acusa o Ministerio de empregar o BOE para “afundir” o cerco galego

A asociación de cerqueiros critica que se manteña no plan de xestión para 2016 os mesmos criterios de reparto que, afirman, están a arruinar esta frota. Non descartan medidas xudiciais.

acerga cerco

A Asociación de armadores do cerco de Galiza (Acerga) acusa o Ministerio de Pesca e Agricultura de empregar o Boletón oficial do estado (BOE) para “afundir un pouco máis” o sector. Unha acusación que se produce após a publicación no BOE do plan de xestión para 2016, un plan no que se priman os criterios históricos e non os 'liñais', como demanda o cerco galego. José Blanco, presidenten de Acerga, lamentou que máis unha vez “nin Xunta nin Ministerio atendese as nosas reivindicacións” embora proceder esta do colectivo que agrupa 120 dos 145 barcos cerqueiros galegos. O voceiro da asociación, Andrés García, mesmo falou de “acoso e derribo” de Xunta e Estado, que está a poñer en risco máis de mil empregos directos.

O novo plan de xestión publicado no BOE non se negociou co sector, afirman, e é publicado por un goberno en funcións. Por iso Acerga estuda presentar querellas contra as administracións responsábeis da orde ministerial, así como recurso de inconstitucionalidade.

Os responsábeis de Acerga amosáronse moi críticos coa conselleira Rosa Quintana, á que responsabilizan de ser a que “máis dano” fixo ao cerco na súa historia, e preguntáronse “que intereses ten por detrás” para procurar a “desaparición” do cerco.

Comentarios