As accionistas e acredoras do Popular, sen compensacións pola liquidación

A Xunta Única de Resolución afirma que un procedemento de insolvencia tería maiores custos.
banco popular
photo_camera banco popular

As accionistas e acredoras do Banco Popular, entre as que se atopan centos de galegas e entidades como a Fundación Pedro Barrié de la Maza, quedarán finalmente sen compensacións polo proceso de liquidación da entidade financeira en 2017.

Así o ditaminou a Xunta Única de Resolución (XUR), a autoridade europea que asegura a resolución ordenada dos bancos en dificultades co menor impacto na economía e finanzas dos Estados membro, nunha resolución na que conclúe que, de terse levado a cabo un proceso normal de insolvencia no caso do Popular, a operación houbese xerado custos moito maiores.

O Popular, que en 2012 absorbeu o Banco Pastor, un dos históricos dos sector financeiro galego, foi liquidado e posteriormente vendido por 1 euro ao Banco Santander, o que deixou ás accionistas e acredoras sen os seus cartos. Moitos deles recorreron á vía xudicial para recuperar parte do investido. 

O mecanismo funciona 

Agora, o organismo de resolución europeo, baseándose nunha avaliación posterior á resolución elaborada por unha consultora independente e na análise dos comentarios que as partes involucradas remitiron anteriormente, deixa sen compensación a moitas das persoas e entidades que apostaran no futuro da entidade financeira.

"Esta decisión fecha o proceso para analizar se unha insolvencia suporía un mellor resultado para as accionistas e acredoras de Banco Popular afectadas. Está claro que non é así", indicou a presidenta da Xunta Única de Resolución, a alemá Elke König. "Entendo que sexa decepcionante para aquelas que perderon, pero demostra que o marco de resolución é efectivo e protexe ás contribuíntes e á estabilidade financeira", engadiu.

Comentarios