Acampada, folga e manifestación contra os despedimentos en Unísono Vigo

Esta quinta será unha xornada de mobilizacións na cidade olívica para impediren a destrución de 97 postos de traballo. Vídeo no interior.

Acampada de traballadoras e traballadores de Unísono
photo_camera Acampada de traballadoras e traballadores na Gran Vía

O plantel da empresa do contact center Unísono, que conta con dous centros na cidade de Vigo, encetou na tarde de onte unha acampada reivindicativa impulsada pola sección sindical da CIG. “Se non traedes campañas a Vigo, traémolas nós”, baixo ese lema as e os traballadores plantaron as súas tendas de campaña na mediana da Gran Vía viguesa, fronte aos locais da empresa, nas que pasaron a noite.

Con esta medida pretenden visibilizar o conflito xurdido logo de que a dirección da compañía anunciase un expediente de mobilidade xeográfica que suporá a destrución de 97 postos de traballo, o vinte por cento do plantel de Unísono en Vigo. As e os traballadores acampados recibiron numerosas mostras de apoio, entre elas a do BNG que desprazou até alí, nas primeiras horas da acampada, unha delegación do seu Consello Local en Vigo para lles trasladar o apoio da fronte nacionalista ás súas demandas.

Para hoxe está convocada unha xornada de folga e unha manifestación que sairá das portas da empresa (Gran Vía 110) ás 20h e que concluirá diante da delegación da Xunta de Galiza.

Comentarios