Abren expedientes de sancións a compañías que operaron no mercado de accións de EiDF

O organismo supervisor sitúa as prácticas en distintos períodos de 2022.
Sede de EiDF Solar (Foto: EiDF Solar).
photo_camera Sede de EiDF Solar. (Foto: EiDF Solar).

A Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) acordou incoar tres expedientes de sanción pola posíbel realización de prácticas constitutivas de manipulación de mercado das accións da solar galega EiDF. As mesmas terían acontecido en distintos períodos de 2022 por parte de diferentes persoas físicas e xurídicas.

O supervisor informou esta segunda feira nun comunicado que esta apertura é o resultado das correspondentes investigacións iniciadas en xullo de 2022 e que algunhas das persoas afectadas non colaboraron coa CNMV nas súas actuacións de supervisión  e inspección.

Dunha parte, acordouse incoar expediente de sanción a dúas persoas físicas vinculadas a accionistas significativos de EiDF, pola posíbel comisión de dúas infraccións durante determinadas sesións do primeiro trimestre de 2022.

En concreto, o organismo referiu unha infracción grave por prácticas constitutivas de manipulación de mercado na operativa realizada a través das sociedades Reb Hire e Liber Asset, sobre accións de EiDF durante 30 sesións do primeiro trimestre de 2022, e a unha infracción leve por faltar ao deber de colaboración coa CNMV nas súas actuacións de supervisión.

Ademais, contan con expedientes Liquidacións Vizcaya, Albujón Solar 81, e catro persoas físicas vinculadas ás anteriores e a accionistas significativos de EiDF. Finalmente, acordouse incoar expediente de sanción a Xestión de Patrimonios Mobiliarios e a un dos seus conselleiros á data dos feitos

O organismo supervisor puntualiza o contexto, marcado polo posíbel salto da negociación das accións de EiDF desde BME Growth ao mercado continuo, e informa que as persoas expedientados contan coa posibilidade de contar coa defensa dos seus dereitos.

Comentarios