Aberto o prazo de solicitude das axudas para adquisición de electrodomésticos

O outorgamento das subvencións será por orde de rexistro da petición.
As contías das axudas para electrodomésticos oscilarán entre os 100 e os 450 euros (Foto: Nós Diario).
photo_camera As contías das axudas para electrodomésticos oscilarán entre os 100 e os 450 euros (Foto: Nós Diario).

A Administración galega abriu esta cuarta feira o prazo para que a cidadanía poida solicitar axudas para renovar electrodomésticos. As contías oscilarán entre os 100 e os 450 euros, en función do aparello comprado e do nivel adquisitivo de cada solicitante.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, lembrou a apertura do prazo durante unha visita a Electrodomésticos Domínguez, en Monforte de Lemos, un dos 419 estabelecementos adheridos á convocatoria de axudas.

Esta liña de subvencións, dotada dun orzamento de 3 millóns de euros busca contribuír á compra de electrodomésticos máis eficientes e dinamizar as vendas do sector comercial.

A pesar de que na contía recibida si se ten en conta o nivel adquisitivo, as axudas son de concorrencia non competitiva, é dicir, aceptaranse por orde de solicitude até esgotarse o crédito, polo que persoas con menores ingresos poderían quedar fóra.

Un tipo de concorrencia que desfavorece especialmente a quen sofre a fenda dixital, máis tendo en conta que cada persoa beneficiaria poderá adquirir tres electrodomésticos. 

A data límite para pedir as axudas, dirixidas a persoas que residan na Galiza e queiran renovar os seus equipos por outros da mesma tipoloxía, será o vindeiro 30 de setembro. 

Acéptanse as seguintes cualificacións enerxéticas: frigorífico, frigorífico conxelador ou conxelador A, B, C ou D; lavadora A, B ou C; lavalouzas A, B ou C; ou mesado de indución total.

As subvencións poderán alcanzar 25% do prezo de cada electrodoméstico para as persoas usuarias a nivel xeral, mentres que ascenderá a 50% ou 75% para as beneficiarias que teñan máis dificultades económicas.

Comentarios