Abanca sostén que KPMG "en ningún momento pon en dúbida" a autenticidade das súas contas

Abanca saíu ao paso da información publicada esta sexta feira por Sermos Galiza baixo o título de "A auditora de Abanca non garante a certeza das contas da entidade".


 

Na información publicada esta sexta feira por Sermos Galiza, asinada por Xacobe Ferreiro, indícase que nun informe que acompaña a auditoría das contas da entidade KPMG afirma que “non tivo acceso a toda a información relevante polo que non podemos garantir que as contas da entidade recollan fielmente a realidade do banco”.

KPMG chama aínda a atención “sobre o feito de que os citados estados financeiros intermedios adxuntos non inclúen toda a información que requerirían uns estados financeiros consolidados completos preparados consoante ás Normas Internacionais de Información Financeira, adoptados pola Unión Europea”.

O gabinete de comunicación de Abanca púxose en contacto con Sermos Galiza para dar a súa versión. A entidade financeira resalta que no informe de KPMG se esclarece que o seu informe se refere ao primeiro semestre do ano (o que tecnicamente se coñece como información consolidada intermedia) e non a un "exercicio completo". Abanca subliña que "seguindo os requerimentos da CNMV, estes estados intermedios presentan uns detalles de información menor".

Fórmula habitual

Salienta aínda Abanca que o esclarecimento realizado por KPMG (o feito de non ter tido acceso a toda a información relevante) é unha fórmula habitual que tamén aparece nas contas de xuño de 2014 de Bankia, Santander, Popular, Sabadell, Bankinter, Cataluña Banc, Liberbank, BMN, Kutxabank e Ibercaja. 

De acordo coa información facilitada por Abanca a Sermos Galiza, nas conclusións do seu informe KPMG di que "como resultado da nosa revisión limitada, que en ningún momento pode ser entendida como unha auditoría de contas, non chegou ao noso coñecimento ningún asunto que nos faga concluír que os estados financeiros intermedios adxuntos do período de 6 meses rematado o 30 de xuño de 2014 non fosen preparados, en todos os seus aspectos significativos, de acordo cos requerimentos estabelecidos na Norma Internacional de Contabilidade (...) adoptada pola UE".

Abanca estima que o informe de KPMG "en ningún momento pon en dúbida a autenticidade das contas, só di que non teñen a mesma información que un informe anual".

Non foi Sermos Galiza o único meio que recolleu a advertencia realizada por KPMG no seu informe ("non podemos garantir que as contas da entidade recollan fielmente a realidade do banco”), en termos similares tamén o fixo o dixital ElConfidencial.Com.

Comentarios