Abanca non cre que a economía galega se recupere da crise da COVID-19 até 2022

A economía galega sufriu con forza o impacto da crise derivada da COVID-19. Tanto é así que o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, cre que "tomará dous anos" chegar aos niveis de riqueza previos a marzo. Con todo, é optimista e pensa que a Galiza tardará menos en recuperar o terreo perdido que a medida estatal.
Juan Carlos Escotet, xunto con directivos de Abanca e IESIDE na presentación do primeiro informe do Observatorio Abanca by EISIDE
photo_camera Juan Carlos Escotet, xunto con directivos de Abanca e IESIDE na presentación do primeiro informe do Observatorio Abanca by EISIDE

O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, non quixo mollarse onte cando lle preguntaron polas súas previsións económicas para Galiza no presente ano. O directivo foi cauto e preferiu agardar "á evolución do segundo semestre" para dar unha cifra da caída do Produto Interior Bruto (PIB) galego como consecuencia da crise da COVID-19. "O crecemento será negativo. Non vai ser distinto ás outras economías do mundo", aínda que vaticina que a contracción "será menor" polo peso do sector exportador e polo feito de que o sector servizos, incluído o turismo, está baseado no consumo doméstico, "que sairá favorecido". Con todo, volver aos valores previos ao inicio da pandemia "tomará dous anos", apuntou.

Escotet participou onte na presentación telemática do primeiro informe do Observatorio Abanca by Ieside, Termómetro da desescalada, no que a entidade analiza a evolución do consumo a partir de datos anónimos de compras efectuadas con tarxetas bancarias. De feito, destacou a "tendencia inequívoca" cara a un maior uso deste medio de pagamento, que se viu impulsado durante a crise polo seu emprego "activo" nas canles dixitais.

Segundo os datos recompilados entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 24 de maio de 2020, a caída da actividade comercial na fase de confinamento foi de 41%, unha cifra que foi medrando até representar 93% do total nas últimas semanas do proceso de desconfinamento. Para Escotet, os datos de recuperación de consumo das últimas semanas son "un bo síntoma que oxalá logremos manter". Neste sentido, indicou, en liña co que apuntaba hai uns días o Foro Económico, que "un rebrote podería ter efectos moi adversos" na economía.

Alimentación e farmacia

Entre as súas conclusións, o informe destaca o "cambio abrupto na estrutura do consumo das familias" xa que durante o confinamento o gasto en alimentación pasou de supor 31,5% a 70,2% da cesta da compra, é dicir, aumentou case 40% entre o 13 de marzo e o 2 de maio.

O mesmo aconteceu co consumo de produtos farmacéuticos. Se antes da crise sanitaria este sector supuña 2,6% da cesta da compra, durante o confinamento subiu até 4,9%, sobre todo cando en abril chegou material de protección a estes estabelecementos. Despois, a partir da fase 1, o gasto diminuíu até representar 4,3% do consumo familiar.

No extremo contrario están os gastos de ocio e as compras no comercio polo miúdo. As restricións de mobilidade fixeron caer a actividade de lecer "de maneira drástica" na terceira semana de marzo, tal e como apuntou Francisco Botas, conselleiro delegado de Abanca. Antes do inicio da crise, o lecer representaba 8,5% da cesta da compra. Após a declaración do estado de alarma, caeu até 1,1%, e despois do 4 de maio conseguiuse recuperar só até 2,2% e segue "representando niveis moi baixos", engadiu Botas.

Pola súa banda, o comercio polo miúdo experimentou "unha redución importante" do seu peso no consumo. Nos meses previos á pandemia supuña 33,7% do consumo das familias, unha cifra que diminuíu até 13,2% nas semanas de confinamento e que, desde que se permitiu a súa reapertura, recuperou parte do terreo perdido, até conformar 26,9% deste gasto. Para Abanca, isto indica un "repunte intenso" da actividade deste tipo de comercios e doutros estabelecementos especializados, como poden ser os aparcadoiros, as máquinas de vending, a telefonía ou os talleres de automoción.

Impacto nas contas

Igual que co PIB, Escotet non se atreveu a dar cifras do impacto que a COVID-19 podería ter nas contas da banca e nas ratios de mora. Neste senso, lembrou que no primeiro trimestre, a entidade provisionou 78 millóns de euros para facer fronte ao custo de risco e as posíbeis alzas na mora. "O impacto é asumíbel e perfectamente potábel" para as cifras de Abanca. Tamén incidiu en que a entidade que preside dispón de "máis de mil millóns de euros" de caixa e que a vocación de crecemento orgánico mantense, xa que é "a maneira máis intelixente de xerar eficiencias". EuroBIC, o seguinte en caer.

Comentarios