Presentan máis de 120.000 reclamacións en Abanca contra o cobro de comisións

Acouga e o Sindicato Labrego Galego presentan na entidade as miles de firmas recollidas en Change.org contra o cobro de comisións que consideran "abusivas"
Entrega de sinaturas na sede coruñesa de Abanca (Foto: Nós Diario).
photo_camera Entrega de sinaturas na sede coruñesa de Abanca (Foto: Nós Diario).

A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga) presentou onte na sede de Abanca na Coruña un total de 124.263 firmas rexistradas na plataforma Change.org desde principios de xuño contra a "cobranza abusiva" de comisións por parte da entidade bancaria. 

O presidente da asociación,  Manuel Pérez Arias, explicou en declaracións aos medios que non é un "problema exclusivo" de Abanca, senón de "todo o sector bancario". Tamén sinalou que, se ben as cantidades "non son grandes", o montante total que recibe o banco si que o é. "Se falamos de 50 euros por 124.000 persoas estamos a falar dunha chea de millóns de euros", lamentou, ao tempo que destacou que moitas das persoas afectadas son pensionistas ou desempregadas.

"Queremos animar á xente a que tome conciencia e que se mova nas lexítimas reclamacións dos nosos dereitos como consumidores", explicou Pérez Arias, quen denunciou a "postura sinistra" da entidade porque, apostila, si que devolve as comisións "a quen reclama". "Eu realizo a cobranza; a quen reclama, descúlpome e devólvoa, e a quen non, diñeiro no peto", censurou.

Sen alternativa no rural

Pola súa banda, a secretaria xeral do Sindicato Labrego  Galego (SLG), Isabel Vilalba, sinalou as consecuencias desta medida no rural. "Sentímonos especialmente afectadas porque en moitas zonas do rural é a única alternativa, xa que a única entidade bancaria é Abanca", explicou aos medios Vilalba, que destaca que para algunhas persoas pensionistas as comisións poden chegar a supoñer até 20% dos seus ingresos mensuais.

Segundo a representante do sindicato, as persoas afectadas no rural séntense "indefensas e secuestradas" ante a cobranza de comisións que, apunta, "son arbitrarias". A resposta ante a campaña de Change.org é para Vilalba "síntoma de que existe unha preocupación social".

"O sistema é abusivo porque dan por contratado un servizo que non se contratou, que non está pactado", criticou a secretaria  xeral do Sindicato  Labrego Galego, que afirma que a cantidade "non está xustificada" en ningún caso. Neste senso, ve necesario "que haxa máis garantías para os consumidores", reclamou.

Comentarios