Abanca gaña as axudas da Xunta para a instalación de caixeiros onde fechan oficinas bancarias

O BNG acusa a Xunta de "regalar o país a Escotet" e o PSdeG de "botar balóns fóra" ao reclamar que sexa o Estado quen faga fronte ao feche de sucursais.
Mobilización contra o fechamento de sucursais de Abanca en varias localidades galegas, sobre todo do rural (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Mobilización contra o feche de sucursais de Abanca en varias localidades galegas (Foto: M. Dylan / Europa Press).

Abanca logrou a maior puntuación "con diferenza" na convocatoria da Xunta para a concesión de incentivos á instalación de caixeiros automáticos, unha liña de subvencións que quedou resolta de forma definitiva esta mesma semana.

Así o confirmou o director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, David Cabañó, quen participou na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento da Galiza destas sexta feira.

Feche de sucursais

Cabañó respondeu a dúas preguntas dos grupos da oposición, BNG e PSdeG, sobre o feche de oficinas bancarias e caixeiros, principalmente da entidade financeira Abanca: as accións do Goberno galego ante a perda de servizos, sobre todo no rural, e os apoios económicos recibidos por estas empresas.

Cuestionado pola deputada nacionalista Noa Presas sobre a convocatoria de incentivos á instalación de caixeiros, o responsábel do Goberno autonómico recoñeceu que Abanca obtivo a mellor puntuación no proceso, resolto esta quinta, 9 de setembro.

Após incidir en que o procedemento seguiu o estabelecido polas normativas autonómicas, Cabañó apuntou que a entidade financeira obtivo unha "ampla diferenza" a respecto doutra compañía que se interesou no proceso de adxudicación destes incentivos.

Case tres millóns de euros

En concreto, a convocatoria conta cun orzamento de 2,88 millóns de euros destinados a conceder axudas a entidades financeiras para favorecer que haxa caixeiros automáticos e servizo de asistencia e formación en concellos da Galiza, "prioritariamente" naqueles sen banco no seu territorio.

A orde, activada pola Administración autonómica o pasado mes de xuño, pretende "incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios básicos consistentes na instalación, mantemento e posta en funcionamento de caixeiros automáticos e a prestación dun servizo de asistencia e formación financeira en entidades locais.

A conclusión do procedemento prodúcese nun momento de polémica política polo anuncio do feche de oficinas e caixeiros en varios municipios galegos, fundamentalmente do rural. Isto provocou que distintos gobernos locais de case todas as cores políticas iniciasen protestas polos plans de Abanca.

A Xunta delega no Estado 

Para o responsábel do Executivo galego, o proceso de "reconversión" do negocio bancario e as súas consecuencias, neste caso a clausura de oficinas que deixan sen servizos financeiros a moitos municipios, debe ser afrontado a través dunha "estratexia global" encabezada polo Estado, posto que é unha situación que afecta "a toda España".

Cabañó pronunciouse na liña do mantido durante as últimas xornadas polo Goberno autonómico, que mesmo remitiu unha carta esta mesma semana á vicepresidenta primeira, Nadia Calviño, na que o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, solicita que se elabore un diagnóstico sobre os servizos financeiros nas zonas menos poboadas do país do que debe saír un plan para facer fronte ao feche de oficinas e caixeiros.

"Regala o país a Escotet"

"Vostedes regalan o país a Escotet", afrimou a parlamentaria do BNG, Noa Presas, quen acusou a Xunta de "mirar para outro lado" mentres a entidade financeira que preside o banqueiro venezolano "deixa sen servizos" os seus clientes.

Para Presas, é "un escándalo" que a Administración autonómica "financie con fondos públicos servizos que as entidades teñen que ofrecer" porque, di, forman parte da súa oferta de negocio.

"Balóns fóra"

Pola súa banda, o deputado do PSdeG Juan Carlos Francisco Rivera lamentou que o Executivo se limite a "botar balóns fóra" ao reclamar ao Estado que faga fronte ao feche de oficinas bancarias mentres na Galiza o seu goberno ten "unha nula reacción".

Por iso, criticou que a Xunta "non vai facer absolutamente nada" para frear esta cadea de feches "máis aló" de conceder estas axudas ao mantemento de caixeiros "despois de ter un beneficio de 3.157 millóns de euros" durante os últimos anos.

Comentarios