Abanca gaña 137 millóns no primeiro trimestre, un 8,2% máis

A entidade supera os 100.000 millóns de euros de volume de negocio.
Oficina de Abanca na rúa Olmos da Coruña (Foto: Xoán Roberes).
photo_camera Oficina de Abanca na rúa Olmos da Coruña (Foto: Xoán Roberes).

Abanca obtivo un beneficio de 137 millóns de euros no primeiro trimestre do ano, o que supón un incremento do 8,2% respecto ao mesmo período do ano anterior, segundo informa a entidade a través dun feito relevante á Comisión nacional do mercado de valores (CNMV).

O pasado febreiro, o banco que preside Juan Carlos Escotet presentou os resultados para 2020, exercicio no que se anotou unhas ganancias de 160 millóns após dedicar 273 a provisións.

Após a integración contábel de Bankoa e a adquisición da rede española de Novo Banco, Abanca superou os 100.000 millóns de euros de volume de negocio. A operación de Novo Banco, sexta de ABANCA desde 2014, fortalece o seu posicionamento en banca persoal e fóra de Galiza.

Desde o inicio da pandemia, Abanca afirma que formalizou máis de 3.200 millóns de euros en créditos ICO e aplicado medidas de flexibilización financeira para familias por importe de 1.200 millóns de euros.

Os activos dubidosos reducíronse un 19,5% (un 24,1% sen Bankoa), co que a taxa de morosidade situouse nese 2%, á cabeza do sector e practicamente a metade que a media estatal  (3,9%) e por baixo da media europea.

Abanca obtivo no "especialmente complexo" 2020 un beneficio atribuído de 160 millóns de euros após dedicar 273 millóns a provisións, uns resultados dos que os seus responsábeis se senten "especialmente orgullosos".

Comentarios