Abanca comprométese a non fechar oficinas en municipios onde é a única entidade

Abanca garante o mantemento indefinido das oficinas nos 134 municipios onde é a única entidade con actividade, ao tempo que acorda ampliar o horario de atención no portelo até as 14 horas para as e os clientes de avanzada idade que o precisaren.

Unha oficina de Abanca en Compostela (Nós Diario)
photo_camera Unha oficina de Abanca en Compostela (Foto: Nós Diario).

Após consultar os grupos de interese, Abanca decidiu implantar desde esta quinta feira unha serie de medidas para facilitar que os seus clientes maiores de 65 anos poidan realizar de forma máis cómoda e segura as súas xestións financeiras.

Por unha parte, o horario de caixa ampliarase, desde esta quinta feira, até as 14 horas para as persoas maiores, como xa se facía até o de agora nos días de cobranza das pensións.

Ademais, o banco asignará un xestor persoal ás persoas maiores que pola súa situación e capacidades dixitais así o requiran, para dar resposta ás súas necesidades financeiras. Para facilitar o contacto próximo dos clientes de máis idade coa entidade, o banco disporá de xestores tanto para o seu servizo de atención ao cliente como na súa banca telefónica.

Un de cada tres clientes de Abanca ten máis de 65 anos

A entidade sinalou nun comunicado que a atención e o asesoramento aos clientes maiores "foi e é a primeira prioridade para Abanca", que conta con 558.147 clientes activos de máis de 65 anos, 30% da súa base de clientes.

"Coas medidas que se poñen en marcha mañá [pola quinta feira], Abanca consolida a súa vocación de ser a entidade onde os maiores poidan atopar solución ás súas necesidades financeiras", destacou.

A rede comercial de Abanca no Estado español está integrada por 634 oficinas, das que 199 se sitúan en zonas rurais. Na Galiza, o banco presta servizo financeiro a 97,7% da poboación e está presente en 85% dos municipios.

A súa rede comercial no país, sostivo no comunicado, "permite situar a Galiza como o segundo territorio do Estado con maior accesibilidade a servizos financeiros, con 12% dos seus municipios sen oficina fronte a 51% de municipios que carecen dela no resto de España".

Comentarios