A política de comisións da banca asfixia as pensionistas

As novas políticas de comisións deixan fóra a moitas pensionistas que a partir de 1 de marzo terán que pagar polas súas contas.
Oficina de Abanca (cedida).
photo_camera Oficina de Abanca (cedida).

A política de tipos cero do Banco Central Europeo chegou para quedar, e hai xa tempo que pasa factura ás entidades, que teñen que procurar fórmulas para acadar boas rendibilidades e facer fronte á caída de ingresos por empréstitos. No caso de Abanca, a entidade leva desde finais de 2019 avisando ás súas clientas do cambio de condicións das súas contas. As que non cumpran os requisitos do programa 'Cero comisións' a partir do 1 de marzo veranse na obriga de pagar 50 euros ao semestre por ter aberta a súa conta, aos que haberá que sumar 0,60 euros por cada apunte, tamén con liquidación semestral.

En oito de cada dez concellos galegos a pensión media sitúase por baixo dos 900 euros. Esta realidade fai moi difícil que as pensionistas poidan cumprir coas novas condicións de Abanca para non pagar comisións. Á parte de ter domiciliada a pensión ou uns ingresos periódicos de máis de 600 euros ao mes e manter un saldo medio de 500 euros (requisitos básicos), as clientas deberán contar cunha tarxeta de débito e facer compras por valor de máis de 2.000 euros ao ano. Se non quere tarxeta, pode contratar dous seguros mediados por Abanca.

Alternativas imposíbeis

Se estas condicións xa son difíciles de cumprir para moitas das pensionistas, máis son as outras alternativas, como presentar un saldo de 30.000 en produtos de investimento (fondos, valores e similares), 8.000 en produtos de aforro ou gastar 1.200 euros cunha tarxeta de crédito que deberían contratar a maiores da de débito. 

En moitos concellos, Abanca é a única entidade que presta servizo, polo que as pensionistas non teñen marxe de manobra para evitar as comisións. A nota positiva é que o banco presidido por Juan Carlos Escotet non estabelece un mínimo para as pensións domiciliadas, pero aínda así, as que reciben contías por baixo dos 500 euros terán complicado seguir na entidade sen ter que pagar por xestionar os seus cartos.

Comentarios