Abanca apúntase á burbulla das renovábeis

A especulación está detrás de moitas operacións no ámbito das renovábeis. Neste sentido, entidades financeiras e compañías eléctricas teñen advertido do risco destes investimentos. Abanca está lanzada nesta área de negocio cunha exposición de mercado que xa supera os 620 millóns de euros.
Central de xeración de enerxía solar de Solaria. (Foto: Solaria) #enerxía #abanca #renobábeis
photo_camera Central de xeración de enerxía solar de Solaria. (Foto: Solaria)

Os avisos sobre os riscos no negocio das renovábeis chegan desde diversas frontes. O banco de investimentos estadounidense Goldman Sachs adiantaba en marzo deste ano a eclosión dunha burbulla ligada á enerxía solar, eólica e mariña, como consecuencia das urxencias marcadas polos obxectivos do cambio climático e do desembarco dos grandes fondos nesta área da actividade. Na mesma liña, pero desde unha posición doutrinal diferente, o economista crítico australiano Steve Keen non dubidaba en cualificar o denominado New Green Deal e a aposta polas enerxías verdes como “unha grande operación especulativa, característica da etapa do capitalismo financeirizado”. 

Unha parte dos directivos das corporacións eléctricas téñense manifestado nese sentido. Así, o conselleiro delegado de Endesa, José Bogas, denomina de “burbulla” a saída nos últimos tempos de determinados operadores aos mercados como vía “para extraer valor a curto prazo coas renovábeis”.

Nun sentido semellante, un consultor do sector eléctrico que quere gardar o seu anonimato sinala a Nós Diario que “saír ao mercado é a forma máis fácil e barata que teñen as compañías deste sector para financiarse. Con todo, os procesos para executar os proxectos teñen un alto custo e levan tempo. Ademais unha parte moi importante dos megawatts previstos non van chegar a desenvolverse”.

A caída en bolsa das renovábeis

As respostas das bolsas apuntan na mesma dirección. Ecoener, a compañía galega de renovábeis dirixida por Luís Castro Valdivia, viuse obrigada a atrasar a chegada ao Mercado Continuo e a reducir a proposta inicial en 83 millóns de euros, tras testar Societé Generale e o resto da banca comprometida na operación as dificultades para cubrir a oferta, acumulando unha importante baixada as súas accións desde marzo.

Outro tanto acontece co xigante estatal da enerxía fotovoltaica, a compañía madrileña propiedade da familia Díaz-Tejeiro Larrañaga, Solaria, que perdeu nos últimos tres meses o 33,8% da súa capitalización e que viu como importantes investidores animaban a abandonar posicións na sociedade. Outras mercantís como Opdenergy teñen decido atrasar sine die a saída a bolsa “á vista das inestábeis condicións dos mercados no seu conxunto e para as compañías de enerxías renovábeis”.

Á entidade de Juan Carlos Escotet non semella preocuparlle esta situación. Así, na súa última memoria recolle que “Abanca clasificouse entre as principais entidades españolas que traballan en acordos de financiación de proxectos renovábeis” e confirma a sinatura de 32 operacións no pasado exercicio. Ao tempo, vén de fechar unha emisión de bonos verdes por unha contía de 500 millóns de euros, sinalando que van ir destinados na súa totalidade “a financiar a adquisición, construción, operación, mantemento ou repotenciación de instalacións de produción de enerxía renovábel”.

A entidade presidida polo banqueiro venezolano afirma que os seus investimentos en renovábeis sitúanse en 620 millóns de euros. O 46% correspóndense con enerxía solar, o 35% a eólica terrestre, o 13% a biomasa e o 6% a eólica mariña, incluíndose dentro desta a súa achega ao financiamento do parque instalado nas proximidades de Viana do Castelo. Asemade, destacan os seus créditos ao grupo CFV Triangulum Australe, controlado por Solaria, para construír nove plantas de xeración de enerxía solar en Cáceres, Huesca, Salamanca e Valladolid. Na mesma liña, Abanca participa con outros grupos bancarios no financiamento á factoría de biomasa da empresa madrileña Forestalia en Cubillos do Sil, no Bierzo.

Comentarios