Abanca apunta a Novo Banco e descarta achegamentos a Sabadell

A entidade galega recoñece estar aberta a estudar novas alternativas de compra no mercado bancario
Sede de Abanca na Coruña (Foto: Xoán Roberes)
photo_camera Sede de Abanca na Coruña (Foto: Xoán Roberes)

Abanca non agocha o seu apetito comprador. Após fechar a compra de Bankoa, o seu presidente, Juan Carlos Escotet, admitiu que a entidade galega non descarta estudar a compra de "novas alternativas que poida haber no mercado" con cargo ao exceso de capital da entidade e apoiado polos bos niveis de solvencia. 

"Temos o costume de ver todas as oportunidades que xurdan; gústannos as que estean ao noso alcance e sexan complementarias", afirmou Escotet, quen tamén apuntou que non houbo "ningunha aproximación ao Sabadell", polo que tachou de "completamente falso" o publicado nesa dirección.

O presidente de Abanca fixo estas declaracións durante a presentación dos resultados de 2020 do banco, exercicio que a entidade galega fechou cun beneficio neto de 160 millóns de euros despois de destinar 273 millóns a provisións para afrontar con garantías 2021.

En resposta ás preguntas da prensa, Escotet falou tamén do posíbel interese na entidade lusa Novo Banco (é candidata a facerse coa súa rede no Estado español). A este respecto, sinalou que desde Abanca están "moi atentos a todo o que ocorre no mercado", pero sen decisións "tomadas". "Aínda estamos en proceso de revisión e de considerar que cumpre cos requisitos teremos unha postura e definición", engadiu.

Fusión de Liberbank

En opinión do dirixente e principal accionista de Abanca, a entidade galega non perdeu o tren das fusións ao deixar que Liberbank se fusionase con Unicaja. "Tanto é que non o vemos así que levamos cinco integracións nestes últimos anos, case que a unha por ano. Gustounos que puidesen ser de maior volume de negocio. Con todo, non nos preocupa tanto o tamaño como a complementariedade e a verdadeira posibilidade de a integrar e que sexan coherentes co modelo de negocio que demostrou ser exitoso e ben gobernado", expuxo Escotet.

Así, profundou en que Abanca ten interese nas "integracións que agreguen maior volume de negocio pero que permitan manter o modelo de negocio e gobernanza". Este pode ser o caso da última adquisición, Bankoa, coa que a entidade galega alcanza un volume de negocio próximo aos 95.000 millóns de euros.

Oficinas e persoal 

Pola súa banda, o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, dixo, a respecto das oficinas e do cadro de persoal da entidade, que a súa estratexia pasa por estar "absolutamente presentes cos clientes e preto".

O banco está presente nuns 274 concellos galegos e en 119 é a única entidade, segundo os seus datos. "Outra cousa é como vai evolucionando a relación cos clientes", apuntou, para, a continuación, sinalar que "determinadas oficinas pequenas serán absorbidas" por outras grandes, "pero dunha forma natural".

Botas avogou por "adaptarse ás realidades" do sector, que tende cara á dixitalización e a adaptación aos diferentes hábitos da clientela.

A dixitalización é unha das prioridaddes do banco. O pasado ano, as transaccións dixitais aumentaron 50% e supón xa case dous terzos do total (63,3%). O número de clientes conectados á banca móbil creceu 22%. O uso de efectivo caeu 27%, mentres que o número de tarxetas en circulación medrou 11%.

Comentarios