Ábalos anuncia que os vehículos pesados terán rebaixa dun 20% nas peaxes da AP-9 tanto en ida como en volta

Sen ningún requisito de número de traxectos, recorrencia e dispositivos a bordo.

Vista da autoestrada AP-9 ao seu paso por Chapela, en Redondela (Hombre de hojalata)
photo_camera Vista da autoestrada AP-9 ao seu paso por Chapela, en Redondela (Hombre de hojalata)

O ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, anunciou esta quinta feira que os vehículos pesados disporán dunha rebaixa dun 20% sobre as tarifas actuais na peaxe da AP-9, desconto que se aplicará tanto á viaxe de ida como á de volta e sen ningún requisito de número de traxectos, recorrencia e dispositivos a bordo.

Ábalos fixo este anuncio durante a inauguración das obras de restauración da escalinata do Obradoiro e  reixa na Catedral de Santiago de Compostela. Na súa intervención, o ministro precisou que esa rebaixa para vehículos pesados será financiada con cargo ao orzamento do Ministerio para a AP-9 e representará un aforro para o sector de polo menos 6 millóns de euros anuais.

Os descontos para os vehículos pesados eran os que faltaban por concretar tendo en conta que, tras a reunión mantida en abril entre o ministro e o presidente da Xunta coñecéronse os descontos dos que se beneficiarán os vehículos lixeiros. Así, entre outros, o traxecto de volta, se se fai no mesmo día que a ida, será gratuíto para os turismos con dispositivo electrónico a bordo. Ademais, os usuarios que fagan máis de 20 viaxes ao mes pagarán un 20% menos na ida.

A iso súmase que, a partir de xullo, circular entre Vigo e Redondela será gratis. Tamén se aplicará unha bonificación do 50% a todos os usuarios, sexan ou non frecuentes, do tramo entre Vigo e Tui. Preguntado sobre cando entrarán en vigor estes descontos, o ministro lembrou que se comprometeu a poder ter as rebaixas en vigor en xullo.

As declaracións do ministro chegan apenas hora despopis de que o Congreso desbloquease a lei do traspaso da AP-9. Con ese paso, o deputado do BNG, Néstor Rego, calcula que a norma podería estar aprobada no outono, se non hai "novas demoras". Ademais de pedir a axilización da lei do traspaso, o deputado nacionalista urxíu o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que cumprise o compromiso para pór en marcha "de maneira inmediata" os descontos previstos nas peaxes e criticou que o Goberno os atrase de forma "inxustificada".

Comentarios