A Xunta vende como un logro a rebaixa salarial d@s funcionari@s, "inversamente proporcional" aos ingresos

Dixo Feijóo en campaña que desde o seu Executivo non se lle recortaría o salario ao persoal público e vén de incumprir a súa promesa: cobrarán menos, e a redución non irá en relación ao que cobra cadaquen. Os sindicatos advirten: "a paciencia dos empregados públicos galegos xa se esgotou"


Após as confusas explicacións facilitadas pola Xunta por boca do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, e que posteriormente tiveron que aclarar dous directores xerais, a táboa que pode consultarse nesta información amosa a realidade dos recortes practicados no soldo do persoal da función pública.

Máis unha vez, os datos desminten as palabras. Dixo Feijóo en campaña que desde o Goberno galego non se baixarían os salarios d@s funcionari@s, enviando a pelota ao tellado de Madrid.

E dixo o seu número dous, Alfonso Rueda, que "o maior esforzo pedirase a aqueles coas retribucións máis altas, e será sensíbelmente menor para os demais".

A táboa, difundida polo sindicato CIG, amosa como as afirmacións de Rueda non se axustan á realidade: os recortes cébanse cos e coas traballadoras que menos cobran.

Así as cousas, alerta a federación de Administración da central nacionalista que "o recorte é inversamente proporcional ás retribucións segundo os grupos e será meirande canto máis baixo é o grupo ao que se pertence".

Exemplifican, por exemplo, co caso dun ou dunha xefa de sección: se este cargo está desempeñado por administrativ@s a tesourada será do 5,5%; por contra, se quen o desempeña é unha persoa do corpo superior, entón a redución será do 4,6%.

No caso dun ou dunha conserxe de instituto o recorte será do 4,89%, superior a calquera posto base dos grupos superiores incluíndo o A1, de licencidad@s, superior tamén a un ou unha letrad@ da Xunta e semellante ao practicado na nómina dun ou unha xefa de servizo de libre designación (4,97%).

Quéixase CIG, en nome d@s traballador@s, de que a Xunta intenta vender como unha suba de salarios do 3% o que é na realidade un recorte do 4%. "A Xunta confirma que os empregados públicos cobrarán un 3% máis que en 2012 e que os orzamentos garantirán a súa estabilidade laboral", informou a consellaría de Facenda nestes días, obviando que @s empregad@s públic@s cobrarán un 4% menos de media respecto do que sinala o seu convenio laboral.

Cobran un 3% máis, si. Porén, esta análise unicamente serve para a comparación respecto do que percibiron este 2012, após a eliminación da paga extraordinaria do mes de decembro imposta desde Madrid. Para 2014 o desconto será do 4%, para alén das reducións que poida decretar o Executivo español, pois o decreto lei que aprobou contempla que est@s traballador@s non volverán cobrar a extra destas festas até que non haxa "recuperación económica".



Após a xornada de protestas vivida esta sexta feira diante da Escola galega de administración pública, co edificio rodeado polos antidisturbios, CIG advirte de que "a paciencia dos empregados públicos galegos xa se esgotou". Os sindicatos anunciaron xa que haberá mobilizacións.

Comentarios