A Xunta cede de balde o antigo psiquiátrico de Toén a unha empresa que despide todo o cadro de persoal

@s 37 empregado@s de Amencer Reciclado levan dende o mes de outubro sen cobrar e o vindeiro 10 de xuño “ingresarán a primeira prestación por desemprego”

Psiquiátrico de Toén
photo_camera Psiquiátrico de Toén

Traballador@s de Amencer Reciclado co apoio da CIG realizaron estes días unha protesta no interior da xefatura territorial da Consellería de Sanidade en Ourense para rexeitar o despedimento de todo o cadro de persoal e denunciar que a Xunta lle vai ceder ao grupo empresarial Aspanas -propietario de Amencer Reciclado- o antigo hospital psiquiátrico de Toén de forma gratuíta malia que a empresa continúa sen abonar os salarios pendentes.

A empresa atópase en fase de concurso e a xuíza do Mercantil ditou un auto decretando a extinción dos contratos, decisión que foi recorrida ante o TSXG polo comité, que tamén presentará as probas oportunas para intentar que o concurso sexa declara culpábel.

"Son 400.000 metros cadrados en monte comunal cedido no seu día para uso hospitalario e que agora vai ser entregado a unha entidade con ánimo de lucro que fai negocio con persoas con discapacidade”

A CIG lembra que os 37 empregad@s levan dende o mes de outubro sen cobrar e o vindeiro 10 de xuño “ingresarán a primeira prestación por desemprego”.

A Xunta vai cederlle ao grupo Aspanas (ao que pertence Amencer Reciclado) por 50 anos e de forma gratuíta o antigo hospital psiquiátrico de Toén, en Ourense. “Trátase dunha infraestrutura de 400.000 metros cadrados que se atopa en monte comunal cedido no seu día para uso hospitalario e que agora vai ser entregado a unha entidade con ánimo de lucro que aínda enriba fai negocio con persoas con discapacidade”, censuran.


 

Comentarios