A Xunta outorga a dedo máis da metade dos contratos de obras, servizos e suministros

Máis de 330 dos 594 contratos de obras, suministros e servizos concedéronse a dedo. O Tribunal de Contas xa advertiu ao goberno galego
Feijoo
photo_camera Feijoo

O 56% dos contratos da administración galega de servizos, obras e suministros contratáronse a dedo, segundo vén de desvelar El País. Dos 593 contratos adxudicados en 2012, 293 fórono en negociado sen publicidade e outros 70 non foron anunciados no Diario Oficial de Galicia (DOG) malia saír á licitación por procedemento aberto.

A concesión a dedo dos contratos foi norma en  todos os departamentos e consellerías da Xunta, malia que estas modalidades só se reservan por lei a casos moi puntuais e que deben de estar xustificados. As adxudicacións a dedo supuxeron por volta de 74 millóns de euros.

Esta práctica tamén se está a levar a cabo neste inicio de 2013. Un exemplo foi, a mediados de xaneiro, a adxudicación a dedo, e por importe de medio millón de euros, da actualización dunha web xa existente. A beneficiaria do contrato foi unha empresa da que é apoderada unha familiar de Romay Becaría, ex conselleiro e ex ministro do Partido Popular, e colaboradora de Feijóo na etapa deste en Correos.

Advertencia

O propio Tribunal de Contas tería advertido ao goberno do seu exceso en botar man destas modalidades oscurantistas. Aliás, o feito de recorrer a negociado sen publicidade implica que non hai competencia de empresas, polo que no se fan ofertas á baixa sobre o prezo inicial da licitación. É dicer, que nada de austeridade.

Este tipo de adxudicacións non son exclusivas da Xunta. Deputacións como a de Ourense ou a de Pontevedra, ambas as dúas en mans do PP, teñen sido sinaladas por partidos da oposición, sindicatos e colectivos cidadáns como administracións abonadas a adxudicar a dedo.

Comentarios