A Xunta non desbota levar aos tribunais europeos a Joaquín Almunia

O director xeral de Relacións coa Unión Europea recoñece nunha entrevista na Radio Galega que o executivo autonómico non descarta denunciar o comisario de Competencia perante Tribunal Europeo

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Gamallo Aller, afirmou nunha entrevista na Radio Galega que o executivo autonómico non desbota levar aos tribunais a Joaquín Almunia, comisario de Competencia da UE.

Jesús Gamallo explicou que a Xunta vai agardar á decisión que tome o colexio de comisarios sobre o tax lease o vindeiro 17 de xullo. Unha decisión, manifestou, que todo apunta a que vai ser prexudicial para os intereses de Galiza.

"Analizar todas as medidas"

Gamallo sinalou que se o sector naval ten que devolver os descontos fiscais do tax lease, o goberno galego analizará tódalas medidas políticas e xurídicas a tomar, incluída a de denunciar ao comisario Almunia diante do tribunal europeo de xustiza.

As declaracións fanse no día en que representantes do goberno central, de Galiza, Euskadi e Asturies, así como da patronal e os sindicatos van se reunir en Madrid. O obxectivo da cita é facer unha fronte común para paralizar as intencións de Bruxelas de que se devolvan as axudas do 'tax-lease'. Uns 2.800 millóns de euros dos que Galiza debería achegar o 60%, uns 1.700 millóns.



 

Comentarios