A Xunta recorta nun 51% os fondos encamiñados a combater o paro

A Consellaría de Traballo recorta de 93 a 49 millóns de euros os fondos destinados a combater o paro e desenvolver políticas activas de emprego. Unha tesoirada que cae de cheo nunha Galiza con perto de 278.000 desempregados e que vén engadirse ás protagonizadas pola Xunta neste eido en anos anteriores
paro
photo_camera paro

O enfermo empeora e o médico opta por retirarlle o tratamento para que se recupere. Nunha Galiza cunha taxa de paro por riba do 21% (277.400 persoas desempregadas), a Xunta escolleu recortar á metade os cartos dirixidos a combater o paro e incentivar políticas e medidas activas de emprego. Así o vén de denunciar a CIG nun estudo realizado pola súa área económica. As previsións da Consellaría de Traballo para este exercicio son que destinará menos de 46 millóns de euros aos servizos de orientación laboral, programas de formación para parad@s ou plans de choque contra o desemprego. No exercicio anterior, eses fondos foron de 93 millóns de euros. A medida que aumenta o desemprego na Galiza (241 persoas ao día no último trimestre), a Xunta escolle cortar á machada naqueles programas e actuacións que teñen como finalidade frear o desemprego.

Traballo elixe recortar máis aos programas contra o paro desenvolvidos por sindicatos que aos das empresas

Os cortes prodúcense, e así o sinala o estudo da CIG, en todos os campos destinados a promover o traballo, mais non en todos do mesmo xeito. Así, aqueles cartos que se destinaban aos sindicatos para cursos de formación de persoas en desemprego quedan en 13,5 millóns de euros. Dez millóns menos que no anterior exercicio. No entanto, o diñeiro para as empresas para este mesmo obxectivo fica en case 15 millóns de euros (en 2012 foran 20,8 millóns). Xa que logo, se no exercicio anterior recibían menos que os sindicatos para estes programas de formación, agora levan máis.

Recorte sobre recorte

Nas administracións locais, eses fondos fican en oito millóns de euros, mentres que en 2012 foran pola volta de dez millóns.

A tesoira atinxe a todos os campos. Desde programas de orientación até os contratos programa. En total, os cortes levan por diante a metade dos fondos que se destinaran en 2012 e que xa sofriran recortes a respeito do exercicio anterior.

Para os sindicatos, esta tesoirada resposta a criterios ideolóxicos e non deixan de mostrar a súa sorpresa polo feito de que se recorte precisamente cando o desemprego en Galiza dispárase mes tras mes. Nun país con 277.400 parad@s e pola volta de 91.000 fogares con todos os seus membros no desemprego.

Comentarios