A Xunta 'despluma' a Galiña Azul

A Xunta de Galiza elimina 49 postos de traballo nas escolas infantís "A Galiña Azul" e suprime centros para o vindeiro curso en diversas localidades do país.

Malia que Alfonso Rueda aseguraba que o diñeiro supostamente aforrado da redución do número de parlamentares iría destinado á creación de postos de traballo e prazas nas gardarías a realidade é ben distinta. O Partido Popular vén de anunciar novas retalladas --como informaba a pasada quinta o presidente Núñez Feijóo-- e con eles, continúan desmantelando os servizos públicos máis esenciais. 

A CIG-Ensino vén de denunciar a eliminación de 49 postos de traballo nas noutrora galescolas, hoxe, "A Galiña Azul", a través da supresión de 6 prazas de mestr@, 13 de educador@s e 7 de persoal xeroconsultor --PSXs-. Ademais, amortizaranse 8 empregos de mestr@, 14 de educador@s e 1 PSXs. Isto é, destrúense en total 49 postos de traballo repartidos por todo o país. 

Neste sentido, a central nacionalista anunciou a desaparición das escolas infantís da Bola e Muíños para o curso escolar 2012 e 2013; amortízanse postos que actualmente están ocupados por persoal na provincia da Coruña en Muxía, Camariñas, en San Roque (Compostela), Culleredo; na provincia de Lugo en Burela,Taboada e Pantón; na de Pontevedra, en Vila de Cruces e na de Ourense, en Vilamartín de Valdeorras, Coles, Nogueira de Ramuín, Toén, Vilamarín, Bande, Castro Caldelas, A Bola, Muíños e o centro da Rúa Colón en Ourense. Así mesmo amortízanse os postos de traballo vacantes de Allariz, Antas de Ulla, Cambre, Cangas-Choupana, Cotobade, Ferrol-Caranza, Gondomar, Nigrán, O Grove, O Pereiro de Aguiar, Ourense-Barrocás, Ourense-Colón, Poio, Pontecaldelas, Ponteceso, Ribadavia, Taboada, Vilaboa, Vilamarín. 

Segundo Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, o goberno da Xunta de Galiza pretende rachar cos "piares dunha sociedade democrática" a través da eliminación dos servizos públicos, entre os que a educación é un dos fundamentais. Louzao asegura que a eliminación e peche destes centros pon en perigo a propia rede de escolas infantís publicas, creada coas galescolas. 

Ao peche de centros e destrución de postos de traballo hai que engadir a suba das taxas máis dun 20%, o que para o secretario nacional da CIG-Ensino, evidencia a irrelevancia do ensino de 0 a 3 anos para o actual goberno da Xunta. “O PP ralentizou a posta en marcha de novos centros desde a súa chegada ao goberno e apostou pola privatización coa concesión a entidades privadas, algunhas delas ligadas ao Opus”, asegurora Anxo Louzao, ao tempo que lembra a existencia de 4.000 familias que ficarán sen praza en escolas infantís públicas para o vindeiro curso.

Comentarios