Orzamentos da Xunta: medio millón de euros menos ao día para os departamentos de gasto social

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, debullou as contas públicas de Galiza para 2013. Uns orzamentos nos que se recurtan máis de 222 millóns de euros e nos que a tesoira entra en todas as partidas. Porén, para o goberno autonómico, as contas son son un "exemplo de solvencia" para o resto de comunidades autónomas e mesmo "sentan as bases de que Galiza lidere o medre económico de todos os territorios.
Muñoz

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, compareceu ante os medios en sé parlamentar minutos despois de presentar os orzamentos á presidenta da Cámara autonómica, Pilar Rojo. Nunha intervención na que sobresairon as referencias ao "diferencial positivo", novo mantra da neolingua Feijoniana coa que se referiu a que hai territorios en peor situación que Galiza, Muñoz debullou unha manchea de cifras, porcentaxes e datos para defender que estes orzamentos preservan o gasto social e sentan as bases do despegue económico de Galiza.

En Educación e Cultura o recorte será de máis do 4% e en Sanidade do 1,5%. Para Traballo e Benestar haberá 12 millóns de euros menos

A conselleira comezou destacando que as contas se presentaran no mesmo mes en que tomou posesión o goberno, compromiso cumprido", e en que as mesmas eran "realistas" e "acaídas" á situación económica. Elena Muñoz afirmou que con estes orzamentos Galiza "seguirá á fronte das comunidades autónomas solventes" e que mesmo eran un "exemplo de solvencia" para o resto do estado.

Medre económico?

Nesa mesma liña, estes orzamentos, asegurou a conselleira, "sentan as bases do medre económico de Galiza". E aínda máis: de que Galiza "lidere o medre económico de todas as comunidades". 

Se ben recoñeceu que as previsións para 2013 non eran positivas (queda do PIB nun 0,9% e aumento do paro por riba do 21%), afirmou que había indicios de mellora para o derradeiro trimestre de 2013. Neste punto, porén, defendeu que por moi malos que foron as previsións para o ano que vén, estes tiñan "diferencial positivo" a respecto das medias que se manexan para o conxunto do estado.

O teito de gasto para 2013 sitúase nos 8.421 millóns de euros. Muñoz vendeu os recortes nas contas en gasto corrente (160 millóns de euros) e en gasto de capital (71 millóns), máis pasou de puntillas (ou directamente, non os citou, a tesoira nos servizos públicos). É máis, incidiu en que 8 de cada 10 euros das contas públicas irán para sanidade e servizos sociais. Mais unha visión aos propios datos da Xunta indican que en Educación e Cultura o recorte será de máis do 4% e en Sanidade do 1,5%. Para Traballo e Benestar haberá 12 millóns de euros menos.

Déficit

A conselleira tamén apuntou a que no vindeiro ano Galiza reducirá o seu déficit público á metade. Porén, non parou na débeda pública de Galiza. que aumentou por riba do 9% no terceiro trimestre deste ano e xa se sitúa por riba dos 7.620 millóns de euros, o 13,3% do PIB.


Comentarios