Alimentos Lácteos anuncia concurso de acredores

Así o confirmou o xerente da factoría esta sexta feira Miguel Martín. A Xunta asegura que apoiará con "novos avais" un eventual "proxecto industrial" para a planta de Outeiro de Rei. Desde o Comité de empresa valoran convocar mobilizacións 

Após suspenderen a actividade da factoría e entrar en preconcurso de acredores, a xerencia de Alimentos Lácteos confirmou esta sexta feira  a súa insolvencia perante as débedas que carrexa e que ascenden a perto de 14 millóns de euros. Desde a Xunta de Galiza anuncian que o concurso se desenvolverá co apoio da administración e que mesmo avalarán calquera "proxecto industrial" que garanta a actividade da planta, asegurou Rosa Quintana en comparecencia de imprensa. 

Neste senso, Miguel Martín asegurou logo da xuntanza coa conselleira de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana e o de economía, Francisco Conde que a planta afincada en Outeiro de Rei (Lugo) constituída en 2010 presentará un concurso de acredores antes da vindeira segunda feira. 

Desde o Comité de empresa tildan de "declaración de intencións" as promesas da conselleira de Medio Rural e exixen esclarecérense "as responsabilidades" que existan na quebra da empresa

Desde o Comité de empresa de Alimentos Lácteos, Christián López asegura que @s traballadoras e traballadores da factoría "levamos anunciando esta situación desde hai tempo" e denuncian que "non é de recibo" que a empresa e a Xunta de Galiza lles digan "no último segundo" antes de anunciar a situación concursal "que non ven factíbel o proxecto" por non ter, din, "garantías suficientes". 

Perante a realidade que atravesa Alimentos Lácteos desde o Comité entenden que "un dos escenarios" cos que valoran se atoparán "é que se pretendan rescindir as relacións laborais" c@s empregad@s que permanecen vencellad@s á factoría inmers@s nun ERE suspensivo. No entanto, desde a xerencia aseguraron que "non imos extinguir contratos nin cancelar" o expediente de regulación.

Neste senso, @s traballador@s advirten que convocarán unha "nova asemblea de traballadores" para "ver como afrontamos esta situación". 

Christián López afirma que entre as opcións están a valorar a mobilización pois exixen sexan "dirimidas as responsabilidades" que existen na quebra da planta. A respeito das afirmacións lanzadas desde a Consellaría de Medio Rural e Mar esta mesma mañá, López tilda de "declaración de intencións" as promesas de Rosa Quintana porque, di, "até o momento non houbo ningún apoio firme" para garantir a viabilidade do proxecto. 

Comentarios