A temporalidade afecta o 46% da mocidade que traballa

Catro de cada 10 moz@s empregad@s perciben un salario inferior a mil euros. A xestión da crise deixa a mocidade mellor preparada nunha situación de emerxencia laboral. Cunha taxa de desemprego do 50%, o corenta por cento da mocidade galega con formación universitaria non ten traballo. En troca, aquelas que o teñen desenvólvenos en situacións precarias.

As sucesivas reformas laborais e os plans de emprego xuvenil aprobados polos gobernos do Partido Popular en Galiza e Madrid non reverten a taxa de desemprego que atinxe a metade da mocidade do país. 

A falta de oportunidades laborais na propia terra aboca diariamente a 70 moz@s a saíren da Galiza para procurar un posto de traballo --denuncian as centrais sindicais. Porén, a realidade daquelas persoas que, con sorte, atopan un emprego no país (só 6 de cada 10 titulad@s) dista moito da vivida anos atrás. Neste senso, a promoción gobernamental dos contratos temporais e en formación sitúa perto da metade da mocidade empregada baixo a temporalidade laboral e condicións salariais que poden chegar mesmo a seren inferiores aos 500 euros ao mes. 

A supresión das prestacións por desemprego durante os primeiros anos, as facilidades no despedimento e a gratuidade do mesmo nun contrato de aprendizaxe que se pode alongar até os 33 anos deixan unha mocidade traballadora en condicións precarias. Catro de cada dez non chegan a 'mileuristas' d@s cales, perto do 10% percibe un salario inferior ao mínimo interprofesional. 

Segundo o estudo elaborado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galiza (Acsug), máis do 40% do estudantado que rematou en 2008 algunha das titulacións que conforman o abano académico do SUG atopábase en 2011 engrosando as listaxes do paro. 

Comentarios