A suba de alimentos e medicinas aumenta a ameaza de exclusión social

A suba de 1,8% do IPC de maio debida, en boa parte, ao incremento do prezo de alimentos e medicinas estase a cebar en especial nas persoas desempregadas e pensionistas. A CIG denuncia o aumento do risco de pobreza e exclusión social. 

Praza
photo_camera Praza

Persoas desempregadas, pensionistas e tamén traballadoras e traballadores con ingresos mermados son as principais vítimas do forte incremento do IPC do mes de maio, un 1,8% debido, en especial ao aumento de produtos básicos como a alimentación e os medicamentos. 

A CIG alerta que esta forte subida está a producir un “maior deterioro das condicións de vida da maioría social e o alarmante risco de exclusión social”. A CIG advirte que este incremento de prezos afectará, de maneira especial, a pensionistas con ingresos medios que están por baixo dos 600 euros, que dedican boa parte das pensións ao gasto de alimentos e medicinas. “E non só para elas, senón tamén para todas as familias que hoxe en Galiza se sustentan grazas a estes ingresos”, apuntan. 

"Os alimentos subiron un 3,3% e os medicamentos un 13%"

O Gabinete Técnico de Economía da central sindical anota que a eliminación de moitos dos medicamentos do catálogo supón o medre “do prezo dos mesmos para beneficio das multinacionais farmacéuticas o que por un lado non favorece o pretendido aforro público e polo outro agrava a xa castigada situación económica dos fogares, nomeadamente dos pensionistas”. Lembra que en abril xa 127.000 persoas non cobraban ningunha prestacións, poboación que se ve agora especialmente afectada pola suba de produtos básicos. 

A cesta da compra é o maior gasto das familias con baixos recursos, as que máis se ven agora afectadas pola suba do IPC  e, en especial, polo aumento dos prezos de alimentos e medicamentos, fronte á poboación con maiores ingresos para quen esta partida supón un gasto proporcional moito menor. “As desigualdades sociais son pois cada vez maiores e o risco de pobreza e exclusión é a esta altura alarmante” valora a CIG. 

Os alimentos incrementáronse en maio un 3,3% e os medicamentos un 13%, porcentaxes que levaron ao IPC xeral a aumentar un 1,8%. 

Comentarios