De Merkozy a Merkollande

Os actos en lembranza á reconciliación franco-alemá despois da II Guerra Mundial escenificaron a unidade entre ambos gobernos en materia económica. As diferentes posturas sobre a saída da crise na UE son só de calendario.
Escenificación a xeito de sátira do "matrimonio" Merkel-Hollande
photo_camera Imaxe satírica do "matrimonio" Merkel-Hollande

“@s europe@s estamos unidos pola nosa felicidade”. Calquera podería subscribir esta frase mais quen a dixo e o contexto en que xurdiu dan pé a unha análise algo máis complexa. Angela Merkel, a primeira chanceler alemá, pronunciouna o pasado sábado diante do presidente francés François Hollande na clásica conmemoración anual de amizade na localidade de Ludwingburg.

A ceremonia oficial, con aniversario engadido, onde se recupera cada ano a data que marcou a reconciliación franco-alemá, serviu para esceneficiar a recobrada unidade de acción franco-alemana, unha alianza outrora determinante na orientación das políticas anticrise da UE, baixo a fórmula do que se deu en chamar "Merkozy" --en alusión á boa avinza entre Merkel e o daquela Presidente francés, Nicolás Sarkozy. 

A primeira e segunda economía da UE teñen ritmos diferentes mais un obxectivo común.

Nos actos do 50º aniversario os dous mandatarios falaron do futuro d@s europe@s e quixeron deixar claro que a postura é común. O cambio de goberno en Francia, e en teoría de “sensibilidade” cara a formación doutra Europa, non se notou A primeira e segunda economía da UE, o denominado “motor” da relación entre os Estados que a conforman, teñen un ritmo diferente mais un obxectivo común. Hollande asegurou que unha das prioridades sería a tan perseguida “estabilidade”.

Para o mandatario francés as accións a levar a cabo pasan por un control dos bancos e crear unha nova estrutura de gobernanza para a UE. Merkel, polo seu lado, non negou a posibilidade de realizaren “cambios” nun futuro mais serían unhas modificacións feitas “a modo”. A chanceler alemá, que exixira medidas moi rápidas nos casos de Grecia, Portugal e o Estado español, reclamou en Ludwingburg tempo para que a UE asuma os cambios demandados por Hollande. 

Unión bancaria

No foco está a posibilidade dunha maior integración bancaria a nivel europeo. Alemania recela da "unión bancaria" para protexer os intereses particulares da súa banca. De ceder finalmente, farao poñendo novas condicións, impondo de xeito definitivo a  tese neoliberal da austeridade. Dese xeito Merkel daría por superado o aparente disenso que agromou ao xurdir voces --entre elas a de Hollande-- que apuntaban a unha revisión dos seus ríxidos criterios, que xeneran un impacto moi negativo nas maiorías sociais, para favorecer o crecemento e manter un mínimo nivel de cohesión social.

Intereses privados, problemas públicos

No acto de Ludwingburg tamén estivo presente o tema do proxecto de fusión de dous xigantes da aeronáutica e da defensa, o grupo franco-alemán EADS e o británico BAE Systems. A estratexia empresarial a ese nivel podería afectar aos dous gobernos e mesmo chegar a ter importancia para a UE. Ambos gobernantes saben que teñen que acadar unha postura común en tres semanas, data na que se podería formar o primeiro imperio económico aéreo e superar ao actual da norteamericana Boeing.       

Comentarios