A pensión media por xubilación en Galiza situouse en xaneiro 170 euros por baixo da estatal

Perto de 450.000 galeg@s perceben a pensión por xubilación, que en xaneiro foi dunha media de 801 euros. No Estado español o ingreso medio foi de 970 euros
vellos

A pensión media por xubilación en Galiza situouse en xaneiro 170 euros por baixo da estatal, unha diferenza que segue a situar o noso país no furgón de cola  canto á importe deste tipo de pensións. Na Galiza hai 454.584 persoas que perciben esta prestación, que de media foi en xaneiro de 801,20 euros. No Estado, a pensión media por xubilación foi no primeiro mes do ano de 969,89 euros. Estes datos veñen de ser publicados polo Instituto Galego de Estatística, IGE.

Mais se a análise se fai do conxunto d@s pensionistas (non só de xubilación), os datos (de finais de 2012) tamén son de calafrío. Galiza, con 701 euros, mantense como pechacancelas do Estado español canto á cuantía de pensións. Unha media de 135 euros menos no noso país que a nivel do estado.

Os outros territorios coas pensións máis baixas son Murcia (736 euros) e Estremadura (706). No outro extremo sitúanse Euskadi e Asturies. A pensión media en País Vasco ronda os 1.100 euros mensuais, entrementres @s asturian@s cobran case 990 euros.

Colectivo albo dos recortes do PP

Diversos cálculos apuntan que cada pensionista galego perderá en 2013 por mor da decisión do Partido Popular de non actualizar as pensións por volta duns 160 euros. Mais outros cálculos sinalan que a caída vai ser moito maior, pois contempla as perdas nas pagas compensatorias, e falan duns 400 euros menos que cobrarán en 2013 os pensionistas do Estado.

En non poucos fogares galegos, o impacto da crise foi tal que a única vía de ingresos que queda é a paga dos vellos. Ese ingreso medio na Galiza de 700 euros cos cales ten que sobrevivir toda unha familia. Os datos do Instituto Galego de Estatística indicaba que en 2010, no 40% dos fogares da Galiza a principal vía de ingresos procedía dunha prestación. E nesta categoría, a dos pensionistas é das principais.

Comentarios