A oposición desconfía duns orzamentos que renuncian a vogar contra a crise

PSOE, AGE e BNG coinciden en sinalar que as contas da Xunta para 2013 non son as acaídas para sacar a Galiza da crise, e que os orzamentos inciden en máis recortes sociais.

Os orzamentos da Xunta para 2013 non convencen á oposición. As tres forzas (PSOE, AGE e BNG) sinalan que as contas non son as acaídas para combater a crise e que as mesmas implican máis recortes e tesoiradas aos servizos públicos e ao gasto social. "Un suicidio económico", en palabras de Francisco Jorquera, voceiro parlamentar do BNG.

Desde as ringleiras socialistas, Abel Losada apuntou a que s contas “céntranse nos recortes, caia quen caia”, e fronte a isto “non se prantexan ningún incremento dos ingresos fiscais senón todo o contrario”. Aliás, falou de que os orzamentos supoñen “un recorte de case 900 millóns de euros”, o que supón un 9.7%. Por iso insistiu “non valen trucos de prestidixitación barato para escamotear unha realidade enormemente dura”. Polo tanto o recorte anunciado pola Xunta dun 2.5% “é completamente falso”.

Desde AGE, Xosé Manuel Beiras botou man da ironía para preguntar se os orzamentos "¿son de verdade ou son unha inocentada?", á vez que anunciaba que esta formación estudiará a fondo as contas para presentar "unha alternativa de totalidade". Beiras critica que as contas fosen feitas "a todo correr" sen que nin sequera estivese nomeado todo o tecido de altos cargos do goberno.

Pola súa banda, o BNG considera que as grandes liñas mestras dos orzamentos inciden en máis recortes e abocan a Galiza “ao suicidio económico”. Francisco Jorquera firmou que Feijoo pretende substituír “a realidade pola propaganda” coa creación dun gran fondo de crecemento económico que o único que representa é “poñer un rótulo propagandístico ás partidas de gasto”, Aliás, “son uns orzamentos nos que o Partido popular renuncia a unha política fiscal xusta e equitativa e que impide elevar a contribución fiscal dos sectores máis favorecidos”.

Comentarios