A conversión de NCG en fundación terá que esperar ao non contemplar a lei como facela

A conversión de NCG en fundación especial retrásase ao non existir na Galiza unha lei que regule estas entidades. "Todo está no ar", lamentan desde os sindicatos
Nova Galicia Banco
photo_camera Nova Galicia Banco

A conversión de Novacaixagalicia en fundación de carácter especial (centrándose así na xestión e traballo da obra social) está paralizada á espera de que Galiza se dote dun marco legal que permita regular estas entidades. A conversión, defendida por sindicatos e organizacións políticas e finalmente tamén asumida pola propia Xunta, non poderá levarse a cabo polo de agora, tendo que agardar á toma de posesión do novo goberno saído das urnas o 21-O e a que este dea os pasos precisos neste sentido.

"Polo de agora, está todo no ar", recoñecen na CIG-Banca, sindicato que, ao igual que o resto con representación en NCG (CCOO, UGT, FSIE e ASCA) avogan por unha conversión en fundación especial, iso si, "cun padroado de profesionais independentes" e non remunerados. A proposta presentada polo PP a comezos de verán era un patronato con que 4 dos seus 12 integrantes fosen nomeados polo goberno, outros 4 polo Parlamento e cunha Xunta con capacidade de designar presidente e mesmo de poder vetar determinados responsábeis.

Financiamento, a cuestión chave

A aposta por transformar NCG en fundación especial é que a entidade pase ter como principal finalidade e obxectivo traballar e centrarse na obra benéfico social. E iso abre unha interrogante sobre o financiamento. Unha parte dos ingresos previstos tiñan que proceder dos dividendos derivados da participación de Novacaixagalicia en NGB (Novagalicia Banco), do que posúe por volta dun 7% das accións. Mais esta vía "é complicada, con todo o que está a acontecer", recoñecen desde o sindicato nacionalista. A recapitalización de NGB pode implicar que o peso de Novacaixa galicia no banco quede moi minguado.

Outras fontes de financiamento (acordos con terceiros, cobrar por derteminadas actividades ou servizos,..) tamén están previstas para ser percorridas.Mais o certo é que a conversión en fundación especial é un paso moi necesario para atinxir eses obxectivos. E este paso está aprazado ao non existir unha lei que regule ese tipo de entidades. Existe lexislación que di que a caixa ten que ser fundación, mais non se regula nada a este respecto, nin sobre o seu réxime fiscal, nin sobre o seu padroado.

Blindar

A conversión en fundación non é un tema simple, pois tamén supón, de certa maneira, protexer o patrimonio procedente de CaixaGalicia e Caixanova perante as intencións da Unión Europea de fixar unha 'quita' aos e ás accionistas de entidades financeiras nacionalizadas.

Comentarios