A letra pequena da axuda de 400€: buscar emprego durante 30 días e tres familiares ao cargo

O segundo dos requisitos, que polo menos tres persoas da unidade familiar dependan economicamente da persoa que solicita a prestación, cumprirá para recibir os 50€ a maiores. É dicir, para cobrar 450€ cómpre que tampouco a parella reciba ingreso ningún

Maquillada con expresións como "axudar a quen máis o precisa", "que ninguén quede sen a asistencia do estado se ten necesidades perentorias" ou "medidas de carácter social para quen sofre serias dificultades", a comparecencia realizada perante a prensa esta sexta feira, após o Consello de ministr@s, por Soraya Sáenz de Santamaría acompañada da titular de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, pintou para a protección por desemprego un panorama ben distinto do que este sábado se publica no BOE --Boletín oficial do estado--.

Debullamos de seguido os puntos que o Goberno español esqueceu comentar ao redor dun programa, o Prepara, de seis meses de duración e que fora prorrogado xa outras dúas veces. Desta volta, a prestación caducará o vindeiro 15 de febreiro de 2013.

  • O Goberno español anunciou unha esmola de 50 euros para "situacións de maior necesidade". Dicimos esmola porque a subida, de 399 a 452 euros, aplicarase naqueles supostos en que @ solicitante teña polo menos tres --e non dúas, como sinalou Sáenz de Santamaría-- persoas ao cargo, pois a súa parella non deberá recibir ningún tipo de ingreso. É dicir, unha unidade familiar composta como mínimo por catro persoas --a que pide a prestación e as tres que viven ao seu cargo-- recibirá un subsidio de 452€. Para o resto dos casos, a axuda será de 399€ ao mes
     
  • Quen reclame os 400€ deberá demostrar que buscou traballo remunerado durante un mínimo de 30 días desde que deixou de cobrar a prestación por desemprego. Por exemplo, acreditando empregos cunha duración de días ou poucas semanas, dos que non se derive dereito a cobrar o paro. A persoa terá que figurar inscrita en programas de formación, e en itinerarios profesionais (IPI). O "compromiso do parado na procura de emprego" vixiarase namentres se beneficie do subsidio
     
  • Para poder cobrar, a unidade familiar deberá ter uns ingresos inferiores aos 481€ por persoa, o 75% do salario mínimo interprofesional. Por exemplo, nunha casa partillada por unha parella, dúas crianzas e a avoa, para sabermos se alguén ten dereito ao subsidio a tenor deste requisito do Goberno español habería que dividir os ingresos d@s cinco entre @s cinco, e o resultado ser inferior a 481€. 
    Esta exixencia afondará na dependencia económica das mulleres, pois habitualmente é o home o que traballa fóra e, por tanto, o que ten ingresos. Outro suposto, o dunha moza ou dun mozo a quen se lle concede a prestación do 16 de agosto en diante --as medidas aprobadas na sexta feira non teñen carácter retroactivo--, mais que volve á casa para non pagar un alugueiro, poñamos por caso: ficaría excluíd@ do programa de superar a renda familiar os 481€ por persoa
     
  • De non existiren cargas familiares, só accederán á prestación desempregad@s de longa duración: @s que leven 12 dos últimos 18 meses sen teren un traballo remunerado
     
  • Quen solicite a prestación dos 400€ --ou 452€-- deberá achegar asemade un certificado emitido pola Xunta de Galiza ou polo Goberno local "onde se faga constar a percepción ou non" de todos os subsidios que estiveren a recibir tanto a persoa que pide a axuda como o resto de integrantes da unidade familiar. A este respecto, a ministra Fátima Báñez especificou que daquela farán parte todas as persoas que habiten unha vivenda, incluidas as crianzas menores de 26 anos ou con diversidade funcional, así como as avoas e os avós. Até o de agora, os ingresos dest@s últim@s non se tiñan en conta á hora de botar as contas para conceder este tipo de prestacións

    NOTA: a imaxe que acompaña a información é de Iván López 

Comentarios