En Foco

A gran banca gaña máis, o goberno incentiva plans de pensións privados e cae a creación de empresas en Galiza

A análise económica semanal de Sermos pon o foco no floreciente negocio bancario no Estado -coa Moncloa como aliado-, na caída do indicador de criación de empresas na Galiza, na nova poxa eólica -co país a perder posicións- e nos preparativos da greve de mulleres para o 8 de marzo.

Banco Santander
photo_camera O Santander após a compra do Popular-Pastor controla boa parte do pastel bancario na Galiza

1) A creación de empresas en Galiza cae 15%. Xaneiro despediuse con 375 novas empresas creadas no noso país, 15% menos que no mesmo mes do ano anterior. Unha de cada catro desas novas firmas pertence ao sector do comercio. Xaneiro vén así a se sumar a un 2017 en que se crearon 10,5% menos de sociedades que no exercicio anterior. Os dados oficiais cifran en 6.070 as compañías galegas que cesaron a súa actividade entre 2008 e inicio de 2013, os momentos máis duros da crise. Ademais, nese tempo 255 empresas con sede social noutros territorios do Estado español mais que tamén operaban en Galiza deixaron de traballar no noso país.

2) O goberno español incentiva os plans de pensións privados. De aí o real decreto que permitirá liquidar sen limitacións as achegas feitas a estes plans aos 10 anos. Na Galiza hai por volta de 400.000 persoas que son partícipes de plans de pensións. O estado español adica ao gasto en pensións apenas 10,5% do seu Produto interior bruto (PIB). Porcentaxe moi inferior á que dedican outros países, incluso os golpeados pola crise. Así, Portugal e Grecia destinan 13 e 14,3% respectivamente. Francia 14% e Italia case 18%. No estado español, as pensións fináncianse unicamente coas cotizacións das nóminas das persoas asalariadas e das empresas. Os orzamentos do estado non xogan aquí ningún papel. Mais das contas xerais si que saen partidas para, por exemplo, a Casa Real, o exército ou a igrexa. E por que non podería haber logo partidas para o sistema público de pensións?, preguntan sindicatos e colectivos sociais.

3) A gran banca cada vez gaña máis: 14.000 millóns en 2017. As seis grandes entidades (Santander, BBVA, CaixaBank, Bankia, Sabadell e Bankinter) gañaron en conxunto 7% máis en 2017. En total, obtiveron un beneficio de 13.624 millóns, impulsado en dous clásicos da conta: diversificación xeográfica da maioría dos bancos e o tirón das comisión. Galiza está no alto das listaxes dos territorios con máis aforro nos bancos mais desaparece deses postos de privilexio en canto se fala de crédito concedido. As prazas pasan entón ser ocupadas polas comunidades do Levante, sur e centro do Estado, onde os créditos superan os aforros. Son por volta de 59.000 millóns de euros o aforro nas entidades financeiras existentes en Galiza. E crédito anda nos 44.000 millóns de euros. Unha fenda, pois, de 15.000 millóns.

4) A poxa de maio de 3.000 megawatios con incentivos deixa 165 proxectos, a súa maioría eólicos, que teñen que estar en marcha en 2019. Destes, 25 callarán en novos parques eólicos en Galiza. Aragón terá 80. Galiza pasou de ser hai una década un referente eólico en Europa a caer até o cuarto posto en produtores no Estado. No entremedio, perdeuse por volta do 80% dos postos de traballo existentes nun sector que aspiraba ser alternativa creadora de emprego e desenvolvemento. Un retroceso así neste sector non se deu en ningún outro lugar de Europa.  O “nefasto” papel da Xunta do PP foi sinalado por non poucos axentes para entender o devalo destes anos. Con dados de 2016, a gran maioría dos megawatios galegos están en mans de oito empresas. Catro delas controlan o 60%· das instalacións que hai no noso país.

5) Cara á greve de mulleres do 8 de marzo. Asembleas, xuntanzas, coloquios, encontros, debates… Vai collendo forma e forza a convocatoria da greve de mulleres do 8 de marzo. "Sobran as razóns para facer un chamamento á greve feminista deste 8 de marzo", coinciden sindicatos e colectivos. As secretarías das mulleres da CUT e do Sindicato Labrego Galego (SLG) canda o Sindicato Ferroviario Intersindical, e co apoio do Sindicato da Elevación de Galiza, rexistraron esta semana en conxunto o preaviso de greve laboral de 24 horas de duración convocada para o 8 de marzo en Galiza. Días antes, a CIG formalizou no rexistro da Consellaría de Economía, Emprego e Industria a convocatoria da greve de mulleres no marco dunha xornada internacional de paros e mobilizacións. A greve, que afectará todas as actividades e centros de traballo de Galiza, quer das empresas privadas quer do sector público, farase efectiva nas franxas horarias comprendidas entre as 00h e ás 02 horas, das 12 a 14 horas e das 19:30 a 21:30 horas; é dicir en paros laborais de dúas horas por quenda de traballo.

Comentarios