A gran banca española aumenta os ingresos por comisións até os 14.000 millóns de euros

As entidades financeiras incrementaron as comisións que cobran aos seus clientes por mantemento de conta ou cartón de crédito. Un informe da Comisión Euoprea revela que as comisións da banca española son as segundas máis elevadas de Europa
Caixeiro

Os principais bancos españois ingresaron até o mes de setembro máis de 14.000 millóns de euros polo cobro de comisións ás e aos seus clientes. Unha porcentaxe superior nun 2% á do mesmo periodo do exercicio anterior. Así pois, e en plena crise e operación de salvamento das banca por parte de goberno español e Bruxelas a coste de recortes e austeridade para a poboación, as entidades financeiras aumentaron os ingresos derivados de cobrar á súa clientela por xestións.

Os últimos datos dispoñíbeis do Banco de España xa puñan de manifesto que as entidades financeiras españolas continúan elevando as comisións que cobran de media á súa clientela tanto por mantemento de conta como de tarxeta. As comisións por mantemento das contas correntes subían tamén, nesta caso nun 21%, mentres que nas contas de aforro a suba foi do 22,3%.

As comisións dos bancos españois case dobran as dos alemáns e multiplican por tres as de entidades financeiras de Bélxica ou Holanda

Un estudo entre entidades financeiras europeas impulsado pola Comisión Europea sinalaba que as comisións que cobraba a banca española eran as segundas máis caras de Europa, só superadas por Italia. As comisións dos bancos españois case dobran as dos alemáns e multiplican por tres as de entidades financeiras de Bélxica ou Holanda.

Comentarios