A folga xeral do 14N botarase ás rúas con once manifestacións en Galiza

A manifestación central terá lugar en Vigo onde as centrais sindicais prevén unha mobilización masiva con arredor de cen mil manifestantes. Ademais de nas sete principais cidades, haberá marchas en Vilagarcía, Burela, Ribeira e Monforte.
Remate da manifestación da CIG o pasado 29 de marzo
photo_camera Folga do 29 de marzo en Vigo

Once manifestacións percorrerán as principais cidades e vilas do noso país o vindeiro 14 de novembro. A xornada de folga xeral botarase ás rúas con mobilizacións que as centrais sindicais convocantes prevén masivas. As marchas --que ademais de nas sete cidades realizaranse en Vilagarcía, Burela, Ribeira e Monforte-- servirán para retratar a xornada de paro.

A manifestación central será a de Vigo. Nela participarán os tres secretarios xerais da CIG, CCOO e UGT en Galiza, acompañados de numerosas organizacións sociais, estudantís e políticas. Como informou Sermos Galiza, o percorrido será diferente aos tradicionais, que acostumaban concluír quer na Porta de Sol quer diante do Edificio da Xunta no Areal da cidade olívica. Desta volta a manifestación encetará na praza dos Cabalos e descenderá pola Gran Vía para rematar na praza de América.

Os sindicatos convocantes pretenden deste xeito favorecer unha mellor visibilización das decenas de milleiros de persoas que prevén farán parte dunha nova macromanifestación en Vigo. Días atrás, o secretario comarcal da CIG, Serafín Otero, sinalaba ao respecto que as centrais sindicais constaban “que o percorrido tradicional quedaba raquítico para acoller manifestacións tan numerosas como as que se están a suceder na cidade”. Agardar unha participación de arredor de cen mil manifestantes.

Aliás, as manifestación pretenden servir de plataforma para “denunciar a pretensión do capital de precarizar as condicións laborais e de vida da clase traballadora” apuntan desde a central nacionalista, denunciando a intención de “reducir até nun 25% os salarios”. O obxectivo é, afirman, premer socialmente “para forzar un cambio de rumbo” das políticas ditadas polo goberno español, que segundo afirman “profundan a crise, paralizando a produción, destruíndo o emprego e derrubando os servizos públicos”.

Horarios e lugares das manifestacións

  • Vigo: ás 11:30 horas, desde a Praza dos Cabalos até a Praza de América.
  • A Coruña: ás 12:00 horas, desde a Praza da Palloza até a Praza de María Pita.
  • Compostela: ás 12:00 h, desde a Praza Roxa até a Praza de Praterías.
  • Pontevedra: ás 12:30 h, desde a Praza da Ferrería até a Subdelegación do Goberno.
  • Ferrol: ás 12:00 horas, desde a Praza do Inferniño até a Praza de Armas.
  • Ourense: ás 12:00 horas, desde o Pavillón dos Remedios até a Subdelegación do Goberno.
  • Lugo: ás 12:00 horas, desde a Casa Sindical, na Ronda da Muralla, até a Praza de Santa María.
  • Vilagarcía: ás 12:00 horas, desde a Casa do Mar até a Praza Ravella
  • Burela: ás 12:00 horas, desde a Estación de Servizo Vista Alegre até a Praza do Concello
  • Ribeira: ás 12:00 horas, desde a Estación de Autobuses até a Praza do Concello.
  • Monforte: ás 19:30 horas, desde a Praza de España até a Praza da Estación.

Sitio web da CIG sobre a folga

A Confederación Intersindical Galega, como xa fixera en anteriores ocasións, vén de lanzar un sitio web dedicado á vindeira folga xeral. Nel a central sindical nacionalista vai dando conta de toda a información que a convocatoria xera  e ofrece abondoso material (artigos, audiovisuais, descargas) para a consulta a respecto dos motivos, razóns e obxectivos da xornada de paro.

O sitio é accesíbel desde o dominio: www.folgaxeral.galizacig.com 

Comentarios