A Fiscalía contra a Corrupción e Criminalidade Organizada vén de anunciar que presentou unha querela por un presunto delito de defraudación contra Julio Fernández Gayoso e outros 4 directivos de Novacaixagalicia (José Luis Pego Alonso, Gregorio Gorriarán Laza, Óscar Rodríguez Estrada e Javier García de Paredes). Segundo entende a Fiscalía, os querellados abusadon das funcións dos seus cargos en NGB e dispuxeron fraudulentamente de bens da mesma ocultando ao consello de administración e ao propio Banco de España o importe das prexubilacións, a pesar de coñecer a difícil situación que atravesaba a entidade financeira.
Devolución
A Fiscalía reclámalles a devolución de 7,8 millóns de euros. Así, o total a devolver por José Luis Pego serían 1.440.000 euros, Oscar Rodríguez Estrada preto de 261.000, Gregorio Gorriarán 913.600, e FRancisco Javier García, 5.266.000 euros.
Denuncia da CIG
Cómpre lembrar que a CIG denunciou ante a Fiscalía Xeral do Estado as indemnizacións multimillonarias dos ex-directivos de Novacaixagalicia, por entendelo como unha mala xestión da entidade.
Nun escrito datado o 2 de novembro, a Fiscalía Xeral do Estado puxo en coñecemento do sindicato a súa decisión de trasladar a denuncia presentada, no canto de arquivala, o que en inicio foi valorado pola CIG-Banca como positivo xa que “hai indicios de irregularidades que deberían ser investigadas”.
"O PP reformou a lei a medida dos directivos"
O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, lembrou -ante a denuncia da Fiscalía presentada contra directivos de Novacaixagalicia- que o PP reformou a Lei de Caixas, co apoio do PSOE, para garantir a continuidade dos máximos órgaos de dirección no seu cargo (toda a asemblea xeral e todo o consello de administración).
“O PP consentiu que os máximos directivos das caixas continuasen nos seus cargos despois da fusión, por un prazo de 3 anos. Para iso reformou a Lei de Caixas”, lembra Jorquera. “Isto supuxo un aval a persoas que agora sabemos, sempre de acordo coa Fiscalía, que supostamente cometeron actos fraudulentos e ilegais que afectaron o patrimonio das caixas”.