A fenda entre ricos e pobres atinxe o nivel máis alto e continúa a medrar

Un informe de Save The Children alerta de que nos 32 países máis desenvolvidos, a fenda de desigualdade entre ric@s e pobres é a máis alta dos últimos 20 anos e continúa a se incrementar. Na Galiza aumentou nun 24% nestes últimos anos
ricos e pobres
photo_camera ricos e pobres

Ás portas da xuntanza da ONU sobre a pobreza, a ONG Save The Children vén de publicar un informe en que sinala que a fenda entre ric@s e pobres atinxiu o seu máximo nivel nos últimos 20 anos e segue a se incrementar.

No informe indícase que desde os anos 90 esta fenda foi aumentando, nunha dinámica en que @s ric@s son máis ric@s e os pobres máis pobres. A desigualdade social, aliás, faise patente nas crianzas, segundo as clases sociais dos e das súas proxenitoras.

Galiza

En 2007, a distancia entre o 20% máis rico e o 20% máis empobrecido, era de 5,3 puntos na Galiza, unha fenda que a finais de 2010 xa aumentara até os 6,9 puntos. Nese mesmo período, o coñecido como índice de Gini (indicador que permite coñecer o grao de igualdade dunha sociedade) apuntaba que a Galiza estaba a se escorar cada vez máis cara a unha fractura social.

“A fenda entre ricos e empobrecidos aumentou nun 24% nestes anos”, afirmou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, nas mobilizacións contra a reforma que encheron as rúas da Galiza hai uns meses. Unhas palabras en absoluto gratuítas, en vista do que recollen tanto datos oficiais das administracións como estudos de universidades ou informes de organizacións e colectivos sociais.

Un escenario derivado tanto da destrución de empregos pola crise, como das medidas de 'austeridade' que afectaron as canles correctoras da desigualdade (impostos e servizos sociais).

A crise non creou a desiguladade, acentuouna

“Estamos perante unha crise asimétrica. Non golpea tod@s por igual”, sostén Carlos Grandín, profesor da facultade de Ciencias económicas e empresarias de Vigo, cunha ampla traxectoria no estudo da distribución da renda e da polarización social na Galiza. Grandín recoñece que aínda é cedo para facer unha análise con perspectiva de fondo do impacto desta crise nas rendas, mais apunta cuestións de interese. Por exemplo, que o forte crecemento económico dos anos 2000 “non se traduciu en beneficios para tod@s. E iso foi unha asignatura pendente, por dicilo así, que pasou factura con esta crise”.

Comentarios