A estratexia contra o desemprego xuvenil: precariedade e temporalidade laboral

O conxunto de medidas que o executivo de Mariano Rajoy pretende aprobar como estratexia contra o desemprego xuvenil introducen mofificacións lexislativas que fomentarán a precaridade e a temporalidade laboral entre as persoas menores de 30 anos. A estratexia foi pactada entre o Ministerio de Fátima Báñez (PP), a patronal española e os sindicatos CCOO e UGT.
Juan Rosell (patronal), Cándido Méndez (UGT), Fátima Báñez (PP) e Ignacio Fdez Toxo (CCOO)
photo_camera Juan Rosell (patronal), Cándido Méndez (UGT), Fátima Báñez (PP) e Ignacio Fdez Toxo (CCOO)

Unha batería de 100 medidas compoñen a Estratexia de emprendemento e emprego xuvenil que o Goberno español pretende aprobar como resposta ás elevadas taxas de desemprego xuvenil --o 50% no Estado español--. O programa --que foi aplausado polas institucións europeas e a chanceler alemá, Angela Merkel-- prevé modificacións lexislativas, nomeadamente do Estatuto de Traballadoras e traballadores.

Após máis dunha ducia de xuntanzas cos líderes da patronal, Juan Rosell e dos sindicatos españois CC.OO e UGT, a ministra de Emprego Fátima Báñez xunto co presidente do executivo, Mariano Rajoy anunciaron 15 medidas "de choque" a curto prazo que procuran frear o pingueira de moz@s que acotío se ven abocad@s ás ringleiras do paro.

Contratos de formación encadeados e sen límites
As reformas que procura aprobar o goberno de Mariano Rajoy e que poderían ser avaliadas esta sexta no Consello de Ministr@s prevén modificacións lexislativas que institucionalizan a precariedade laboral entre a xente moza --para alén das mermas nas condicións de traballo da mocidade que xa foran introducidas nas sucesivas reformas laborais.

  • Ruptura co tope estabelecido polo Estatuto d@s traballadoras e traballadores que fixaba en cinco anos após a titulación o límite para un contrato formativo. Neste senso, patronal, goberno e sindicatos permitirán que unha persoa saída do centro de ensino hai máis de seis anos poida ser contratada por unha empresa de acordo cos criterios que a reforma laboral fixa para esta modalidade contractual. Isto é, o cobro durante tres anos dun salario inferior ao mínimo.
 
  • Aliás, modifícase a lei para que unha mesma empresa poida encadear contratos en prácticas e de formación. Até o momento a lexislación impedía que unha mesma entidade puidese renovar contratos en prácticas á fin de fomentar a contratación indefinida e combater a temporalidade e precariedade laboral. Porén, a ministra de Emprego Fátima Báñez anunciaba após a última xuntanza coas centrais sindicais que pactaron a estratexia que "se poderá concertar un contrato en prácticas con base nun certificado de profesionalidade obtido como consecuencia dun contrato para a formación celebrado anteriormente coa mesma empresa".
 
  • Neste senso, o presidente do executivo Mariano Rajoy aseguraba no debate de política xeral celebrado esta semana a creación dun contrato a tempo parcial "con vontade formativa" para menores de 30 anos" que aliás suporá bonificacións para as empresas cunha redución da cotización á Seguridade Social até dun 100% para aquelas empresas con menos de 125 traballadoras e do 75% para as restantes. No entanto, a formación non terá por que desenvolvela a empresa nin inserirse dentro do horario laboral. Tampouco así terá que circunscribirse de maneira necesaria á "ao posto de traballo ofertado" aseguran desde o Ministerio. Mesmo 90 horas anuais en idiomas xa se consideran requirimento cumprido, isto é, 1 hora cada días.
 
  • Asemade, a reforma prevé que as Empresas de Traballo Temporal (ETT) poidan asinar contratos en formación, algo prohibido pola lexislación até o de agora.

 

Comentarios