Einsa presenta demanda por 600.000 euros contra o comité de folga

Reclama esa cantidade en concepto de indemnización por suposta folga "ilegal" e "abusiva". Os traballadores e traballadoras continúan co paro indefinido en contra do plan de axustes da empresa

Concentración ante o SMAC
photo_camera Concentración ante o SMAC

Os traballadores e traballadoras de Einsa, acompañados por representantes sindicais, entre os que se atopaba o Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, concentráronse diante das dependencias do SMAC de Ferrol, con motivo do acto de conciliación entre as partes pola demanda presentada pola empresa contra o Comité de Folga.

Durante a conciliación non se puido acadar ningún acordo, xa que a empresa mantivo en todo momento a reclamación de máis de 600.000 euros de indemnización ao comité de folga, por suposta folga “ilegal” e “abusiva”. Acusación que dende a representación do persoal desmenten. Ante a imposibilidade dun achegamento, o vindeiro día 6 de xuño terá lugar o xuízo nos xulgados do social de Ferrol. 

Neste senso cómpre lembrar que no escrito da denuncia a propia empresa recoñece que está subcontratando os traballos que deberían realizar os operarios/as que secundan o paro indefinido e onte mesmo, o Comité presentou denuncia na Inspección de Traballo contra Einsa, logo de coñeceren que varios xefes de área puxeran en marcha unha liña de produción.

O persoal entende que estes feitos supoñen unha vulneración do dereito á folga, xa que estes responsábeis de área están asumindo tarefas asignadas aos/ás traballadores en folga.

Tras do acto no SMAC, a representación dos traballadores/as trasladouse até A Coruña, para retomar ás negociacións coa empresa, bloqueadas dende hai días, mais nesta ocasión contando coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais.

Comentarios