A Consellaría do Mar gastou en 2011 máis de un millón de euros en publicidade institucional

O deputado nacionalista Bieito Lobeira cualifica de “obscenas” estas cantidades e lamenta que mentres inviste en gastos superfluos, a Xunta demore case un ano o pagamento das débedas aos colectivos máis necesitados do sector do mar

 

photo_camera Rosa Quintana, conselleira

O BNG afirma que o secretario xeral do Mar, Francisco José Vidal Pardo, recoñeceu, en resposta a preguntas da fronte nacionalista en sede parlamentar, que a súa consellaría gastou máis dun millón de euros en convenios cos medios o pasado ano.

Para o deputado nacionalista Bieito Lobeira é “obsceno” que este departamento da Xunta invista esas cantidades en “subsidiar” algúns medios de comunicación e en facer “publireportaxes” mentres demora os seus pagos ás mariscadoras a pé maiores de 65 e adebeda durante un ano as cantidades que ten que pagar polos convenios de Zona C nas rías de Coruña e Ferrol ou as axudas por abandono da actividade.

Lobeira denunciou a través dunha pregunta na Comisión de Pesca que en só ano e medio, ao comezo da lexislatura, o orzamento para este tipo de convenios de publicidade e propaganda fose de case dous millóns e criticou a exclusión no reparto daqueles medios que naquel momento aínda existían en galego.

O parlamentar formulou a pregunta agardando unha rectificación na consellaría neste tipo de partidas en 2011 e 2012, pois insistiu en que é escandaloso, sobre todo en tempos de crise, priorizar este tipo de gastos prescindíbeis.

Recoñeceu que, efectivamente, pode haber campañas de sensibilización e información que son necesarias, mais estas non xustifican un orzamento dun millón de euros, asegurou, e cuestionou onde ficou o compromiso de Rueda de que, como moi tarde no ecuador da lexislatura, habería unha Lei de publicidade institucional.

Gran Sol

No transcurso da mesma comisión, o parlamentar nacionalista lamentou a pasividade da Xunta perante a situación que padece a frota galega do Gran Sol, que só nos últimos tres anos perdeu 41 buques e, por tanto, deixou sen actividade a 600 mariñeiros.

Lobeira explicou que a maior parte destes buques perdidos se atopan no porto de Vigo, un total de 30, de tal xeito que nestes momentos en Galiza, malia ser unha frota histórica para o País e malia haber pesca nesas augas, só fican 92 buques.

 Para o deputado, esta radiografía demostra o fracaso da Xunta na defensa dos intereses galegos, a súa “inactividade” e “inutilidade” para pór freo a unha realidade alarmante e a unhas previsións de futuro que tampouco agoiran nada bo. Asemade, Lobeira preguntou onde están as xestións do goberno galego e do Estado perante o incremento do acoso que sofre a frota galega no Gran Sol, pois no que levamos de ano xa se produciu o apreixamento de catro buques, o máis recente estes mesmos días por parte das autoridades irlandesas.

Comentarios