A concesionaria das ITV despide un delegado da CIG polo uso de horas sindicais durante a negociación do convenio

A central nacionalista xa anunciou que levará a decisión de Supervisión y Control aos tribunais
Delegado da CIG despedido pola concesionaria das ITV na Galiza
photo_camera Delegado da CIG despedido pola concesionaria das ITV na Galiza

Supervisión y Control (SyC), empresa concesionaria das estacións de ITV galegas, despediu un delegado da CIG no comité de empresa de Pontevedra por ter feito uso de horas sindicais durante a negociación do convenio colectivo. A central nacionalista xa anunciou unha “resposta contundente” na rúa e nos tribunais contra a decisión da compañía porque entende que se trata dunha manobra para desfacerse dunha persoa “combativa, coherente e respectuosa cos dereitos dos seus compañeiros/as”.

SyC comunicoulle o despedimento a Antonio Rosales, delegado da CIG no comité de Pontevedra, onte pola tarde, pouco antes de que rematase a súa xornada laboral, mediante unha carta. A compañía resolvía deste xeito o expediente aberto o traballador pola utilización de horas sindicais durante a negociación do convenio colectivo de empresa que substituirá o do Metal da Coruña, xa que entende que se trata dunha falta moi grave.

O propio afectado explica que os feitos remóntanse a novembro de 2011 coa constitución da mesa negociadora, da que pasou a formar parte. “Comunico en tempo e forma que vou facer uso das horas sindicais para informar os meus compañeiros/as por todo o país, tendo en conta que son a persoa de referencia da CIG nas ITV, pero a empresa di que non teño dereito”, comenta.

Con todo, Rosales non renuncia a coller as horas sindicais ás que ten dereito por lei e comunícao cunha semana de antelación cada vez que vai facer uso delas. “Había moito traballo por facer porque era necesario informar a todos os compañeiros/as, tendo en conta que era a primeira vez que se ía negociar un convenio de empresa, polo que me decidín a coller as horas, ademais de por principios sindicais”, indica.

A súa sorpresa chegou cando unha vez celebrado o referendo no que se aprobou o preacordo de convenio deixa de facer uso das horas e regresa ao seu posto. “Entón a empresa ábreme un expediente disciplinario porque di que faltei 59 días ao traballo; agora resólveo considerando que se trata dunha infracción moi grave e opta por despedirme”. O ex delegado da CIG en SyC asegura que é moi fácil de comprobar en que cada un deses días os que alude a compañía se atopaba nalgunha das estacións da ITV do país.

 Dende a central nacionalista consideran que se trata dunha represalia contra unha persoa que salienta polo seu compromiso cos dereitos laborais do cadro de persoal, “pola súa combatividade e pola súa coherencia”. Neste senso, adiantan que levarán o caso aos tribunais para que o despedimento sexa declarado nulo e se logre a readmisión do compañeiro. Ao mesmo tempo, iniciarán unha campaña pública para denunciar a actitude da compañía.

Rosales viña de criticar publicamente o preacordo de convenio pactado entre a empresa e CCOO e UGT ao consideralo discriminatorio co colectivo de traballadores/as con discapacidade intelectual.

Comentarios