A concesionaria do servizo de limpeza dos catro hospitais públicos de Compostela, a empresa Clece, vén de ser denunciada pola súa posíbel relación coa substracción de medio millón de euros da contrata. O diñeiro estaba asignado unhas pagas extraordinarias que a empresa "decidiu negar unilateralmente e sen xustificación" a 300 traballador@s.
A denuncia, pola vía penal, interpúxoa o sindicato CUT após preguntar á xerencia do Complexo hospitalario de Santiago (CHUS) se fora o Sergas quen detraera tal cantidade á empresa. "A Administración respondeunos que non", sinala a central nunha nota remitida á imprensa en que informa de que os contactos coa xerencia do centro foron "previos" á decisión de poñer os feitos en coñecemento dos tribunais.
Para alén disto, a CUT exixe que os comités de empresa "e a cidadanía" teñan acceso "ao detalle" dos pactos económicos das contratas para "fiscalizar" a asisnación de diñeiro público a entidades privadas, información que lles está a ser negada "reiteradamente" ás centrais sindicais.